O BNG de Vigo propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello para recuperar o consenso

A fronte nacionalista chama a renovar este acordo vixente desde hai case 42 anos diante do “talante autoritario” e do “sectarismo partidista” do goberno de Abel Caballero na concesión dos recoñecementos da cidade

Xabier P. Igrexas: “Reclamamos ao alcalde que deixe de actuar como un monarca absoluto para garantir que as distincións do Concello respondan á pluralidade da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego propón reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo, vixente desde hai case 42 anos. A fronte nacionalista chama a renovar a norma diante do “talante autoritario” do goberno de Abel Caballero, a quen acusan de “devaluar gravemente os recoñecementos da cidade impoñendo con sectarismo partidista” a concesión dos Vigueses/as Distinguidos/as, a Medalla de Ouro ou a nova Distinción “Cidade de Vigo”.

Así o expresou este luns o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a celebración dun Pleno extraordinario para o outorgamento da distinción Cidade de Vigo, creada en 2018 sen o apoio de ningún grupo político da oposición. “O BNG non nos imos opoñer a este novo recoñecemento, pero tampouco podemos lexitimar co noso voto afirmativo a maneira en que o alcalde e o seu goberno teiman en xestionar este tipo de propostas”, explicou sobre a abstención das nacionalistas.

O edil nacionalista aclarou que son “evidentes” os motivos para recoñecer o papel e a traxectoria do grupo Radio Vigo, na figura do seu presidente Eugenio González de Haz e Vizcaíno, que xa motivaron o recoñecemento do Pleno ao seu pai como Vigués Distinguido en 1990 e do grupo como Medalla de Ouro da cidade en 1994. Porén, cuestionou a decisión “unilateral” do goberno do PSOE por usar esta distinción “como unha especie de gran colar da orde do Caballerismo” que impide, a xuízo das nacionalistas, o recoñecemento unánime do Pleno, como xa ocorreu en 2022 coa primeira distinción.

O candidato do BNG chamou por estes motivos a actualizar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo. “Para asegurar que os recoñecementos sexan de toda a cidade e non apenas dun grupo político”, subliñou Igrexas, que pediu ademais posibilitar a participación das entidades, dos colectivos e das institucións de Vigo no outorgamento e concesión destas distincións.

“Reclamamos ao alcalde que deixe de actuar como un monarca absoluto para garantir que as distincións do Concello de Vigo respondan tamén á pluralidade da cidade”, remachou.