A fronte nacionalista defende tamén a creación da “Mesa do Taxi de Vigo”, que se permita o uso de pantalón curto no persoal condutor, que se prohiba a publicidade de xogos de apostas e que se poidan acordar presenzas mínimas en paradas para mellorar o servizo

O Bloque Nacionalista Galego formulou cinco emendas parciais co obxectivo de “mellorar” a proposta de nova ordenanza municipal do servizo do taxi en Vigo. As propostas da fronte nacionalista recollen demandas do propio sector e fan unha aposta pola mobilidade sustentábel.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou publicamente as emendas da formación nacionalista que recollen, en primeiro lugar, a creación dunha “Mesa do Taxi de Vigo”, como espazo de interlocución institucional, da que farían parte as asociacións do sector, sindicatos e representantes de todos os grupos políticos da Corporación.

As nacionalistas defenden tamén a supresión da prohibición de vestir pantalón curto polo persoal condutor. “Non ten sentido en pleno século XXI esa exclusión, cando a propia ordenanza permite, como é normal, o uso de saias ou vestidos”, razoou Igrexas, aludindo a un aspecto que xerou bastante polémica nos últimos anos.

Noutra das emendas, o Bloque pide que se prohiba expresamente que a publicidade que portan os taxis, e que debe ser sempre autorizada polo Concello, anuncie xogos de apostas, bingos ou casinos, tal e como xa se fai coa exclusión de anuncios de tabaco, bebidas alcolicas ou actividades sexistas.

Propoñen tamén que, de maneira “sempre dialogada e acordada coas asociacións do sector”, se poidan definir presenzas mínimas en paradas, sobre todo naquelas situadas na proximidade de servizos públicos, como centros de saúde, e estacións de transporte, co obxectivo de “mellorar a prestación do servizo de taxi ao conxunto da cidadanía”.

Taxis ecolóxicos a partir de 2025

A principal emenda do BNG é, segundo subliñou o propio Igrexas, a referida a apostar pola mobilidade sustentábel. Neste sentido, defenden que se promova a renovación da flota de taxi por vehículos ECO ou Cero Emisións, no horizonte de que a partir do 1 de xaneiro de 2025 todos os novos vehículos que se adscriban ao servizo de autotaxi sexan ecolóxicos. Para tal fin, recollen tamén a necesidade de despregar programas de axudas municipais e que se garanta a instalación de suficientes puntos de recarga e subministro para este tipo de vehículos no termo municipal. Para trazar a folla de ruta cara ese obxectivo, as nacionalistas defenden que sexa a Mesa do Taxi a que acorde a calendarización das fases e as medidas a adoptar para unha “transición ecolóxica de consenso” no sector.