O BNG de Vigo propón mobilizar 100 millóns de remanentes con 15 medidas para atender as necesidades reais da cidade

A fronte nacionalista trasladará unha moción no Pleno municipal de febreiro con propostas para os remanentes “récord” do Concello, que no pasado ano 2023 ascenderon a 213 millóns de euros

Propoñen actuacións para fortalecer os servizos públicos, enfrontar o grave problema da vivenda e do empobrecemento social, mellorar as políticas culturais, deportivas e medioambientais e poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias

Xabier P. Igrexas: “Urxe mobilizar estes remanentes para evitar a bola de neve que nos últimos anos provocou unha acumulación sen precedentes de recursos sen gastar”

O Bloque Nacionalista Galego propón 15 medidas para destinar 100 millóns de euros dos remanentes municipais a atender as necesidades reais da cidade. Estas propostas serán sometidas a debate no Pleno municipal de febreiro, no que a fronte nacionalista trasladará unha moción con propostas para utilizar os remanentes “récord” do Concello, consecuencia da “permanente inexecución” dos orzamentos municipais e das “promesas incumpridas” do Goberno de Abel Caballero.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Os remanentes non son aforro nin eficiencia, son a demostración obxectiva e palpábel da incapacidade do actual Goberno local e da súa xestión de inercia e desleixo”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñando que no pasado exercicio fiscal 2023 os recursos sen gastar superaron os 213 millóns de euros. “Son recursos achegados polas viguesas e vigueses que pola falla de acción do Goberno municipal non retornan, en forma de políticas públicas, á cidadanía”, engadiu.

Fronte a esta situación, o Bloque considera “urxente” mobilizar estes “inxentes” recursos do Concello, máis diante do previsíbel levantamento da suspensión das regras fiscais nos vindeiros meses que ameaza con deixar estes fondos incautados e inmobilizados. “Urxe mobilizalos para evitar a bola de neve que nos últimos anos provocou unha acumulación sen precedentes de recursos sen gastar”, advertiu Igrexas.

Dende a fronte nacionalista trasladaron nese sentido propostas para destinar 100 millóns  a alargar e fortalecer os servizos públicos municipais, enfrontar o “grave problema” do acceso á vivenda e do empobrecemento social, promover o emprego e apoiar ao comercio de proximidade, reverter as políticas de “desertización cultural e de maltrato” ao deporte vigués, despregar esforzos reais para avanzar na protección ambiental e contra a emerxencia climática e para poñer fin ao “deliberado abandono” dos barrios e parroquias.