O BNG de Vigo propón iniciar o proceso de remunicipalización dos servizos de auga e bus urbano

A fronte nacionalista demanda que se realice unha auditoría das actuais concesións, que se poña en marcha unha comisión de estudo e se constitúa Empresa Pública Municipal de Servizos

Xabier P. Igrexas: “O 2025 é un ano chave e unha grande oportunidade para a cidade, porque rematarán ás prórrogas das concesións de Aqualia e Vitrasa, para poder poñermos baixo xestión pública servizos públicos de carácter esencial”

O Bloque Nacionalista Galego demanda que se inicie o proceso para remunicipalizar a xestión dos servizos de abastecemento e saneamento de auga e mais do bus urbano da cidade de Vigo que no vindeiro ano 2025 concluirán as prórrogas das súas concesións privadas.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Así o anunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que avanzou que levarán esta cuestión ás Comisións Informativas do Concello que se celebrarán a semana próxima.

Igrexas defendeu a necesidade de fortalecer e alargar os servizos públicos fronte ás políticas de recortes e privatizacións. “A nivel municipal esa aposta ten que materializarse en iniciar o proceso de remunicipalización que poña baixo xestión pública os principais servizos do Concello, para que deixen de ser fonte de lucro de grandes empresas e mellorando a calidade do servizo que se presta”, apuntou.

Desde a fronte nacionalista lembran que na actualidade preto de 2 de cada 3 euros do orzamento municipal “van parar aos petos de empresas privadas que xestionan ou prestan servizos ao Concello de Vigo”.

2025, ano chave

Neste sentido, Igrexas sostén que “o 2025 é un ano chave e unha grande oportunidade para a cidade”, xa que rematarán as prórrogas das concesións privadas de dous servizos municipais de carácter esencial como son o abastecemento e saneamento de auga e o autobús urbano.

“Desde o BNG cremos que o momento para iniciar o proceso de remunicipalización destes servizos é agora”, sostivo. Con ese obxectivo nas Comisións Informativas do Pleno que se celebrarán a semana próxima trasladarán tres medidas concretas.

A primeira, que se realice con carácter inmediato unha auditoría integral das actuais concesións do servizo de auga (Aqualia) e bus urbano (Vitrasa). En segundo lugar, demandarán que se cree unha Comisión de Remunicipalización de Servizos formada por todos os grupos municipais, xunto con técnicos dos servizos económicos, servizos xerais, xurídicos, secretaría xeral e intervención, para o estudo e definición dos diferentes modelos e formas de xestión pública. E a terceira e máis importante, que se inicie o proceso para que o Concello de Vigo constitúa unha Empresa Pública Municipal de Servizos, como o instrumento desde o que poder asumir a xestión dos servizos hoxe privatizados.

Empresa pública municipal

“É claro que o actual modelo de concesión privada é un pésimo negocio para a cidade pero unha fonte de grandes lucros para as empresas privadas que xestionan de maneira moi deficiente servizos vitais para a cidadanía”, argumentan.

As propostas da fronte nacionalista perseguen que Vigo avance na liña doutras cidades que en Galicia, no Estado e en Europa, teñen posto en marcha empresas públicas a nivel municipal rescatando privatizacións, entre outros, de servizos como a auga e o transporte.

“Temos que corrixir a anomalía de que o Concello de Vigo sexa o da única cidade de máis de 200 mil habitantes que en todo o Estado non conta con ningunha empresa pública. Un Concello que conta cun orzamento de preto de máis de 300 millóns de euros, sen débeda, ten plena capacidade económica e organizativa para poder poñer baixo xestión pública os principais servizos públicos”, remachou o portavoz municipal nacionalista.