O BNG de Vigo propón facer gratuíto o bus urbano para persoas desempregadas, perceptoras de axudas sociais e menores de 14 anos

A fronte nacionalista demanda facilitar o acceso a este servizo básico como medida de choque fronte á inflación, que disparou nun 20% os custos do transporte no último ano

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón facer gratuíto o bus urbano para persoas desempregadas, perceptoras de axudas sociais e menores de 14 anos. A fronte nacionalista demanda un maior esforzo para combater a crise derivada do aumento da inflación, que disparou nun 20% os custos do transporte no último ano, e considera “insuficiente” a bonificación do billete anunciada polo alcalde, Abel Caballero, a cargo dunha subvención estatal.

“Hai que facer unha aposta máis decidida por facilitar o acceso e abaratar a utilización dun servizo esencial como o bus urbano”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que salientou a importancia desta proposta como medida de choque para protexer ás familias traballadoras e ás persoas máis vulnerábeis no actual contexto de crise.

Nese sentido, Igrexas pediu ampliar para facer gratuíto o bono social co Concello, que hoxe ten un prezo de 69 céntimos por viaxe para persoas beneficiarias dunha Renda Activa de Inserción (RAI) ou dun subsidio por desemprego. Reclamou ademais estender a gratuidade a perceptoras de outras axudas sociais como a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou pensións non contributivas, así como para menores de 14 anos, como ocorre noutras cidades do Estado.

“Temos que facer unha aposta estratéxica pola mobilidade colectiva, por ser a máis accesíbel en termos económicos e a máis sustentábel a nivel ambiental”, asegurou o concelleiro do BNG, que sinalou que o Concello de Vigo conta con suficiente capacidade económica para afrontar esta bonificación. “É momento de priorizar a utilización dos recursos públicos para protexer da inflación disparada á maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, remachou Igrexas.