A fronte nacionalista demanda que os vindeios presupostos municipais se elaboren con máis diálogo, transparencia e participación

Xabier P. Igrexas: «Non queremos que a decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses se tome en función do capricho do alcalde ou do criterio do seu grupo de Goberno. Vigo merece uns orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade»

O Bloque Nacionalista Galego propón que nos presupostos municipais do Concello de Vigo para o 2023 se inclúa unha partida de, como mínimo, 12 millóns de euros para a posta en marcha dun programa piloto de orzamentos participativos.

«Desde o BNG entendemos que xa é hora de que a maior cidade de Galiza poña en marcha uns orzamentos participativos», reclamou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que anunciou que así o defenderán na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda que se celebrará a vindeira cuarta feira.

Desde a fronte nacionalista subliñan a importancia dos orzamentos por ser o instrumento que define a que se de dedican os recursos da cidade. Emporios  Igrexas aposta porque a elaboración dos próximos presupostos se realice con «máis participación, máis diálogo, máis transparencia; en resumo: con máis democracia». 

Neste sentido, o seu portavoz municipal explicou que os orzamentos participativos servirań para «elaborar os presupostso escoitando e atendendo as opinións, propostas e demandas da veciñanza e do tecido asociativo». Aliás, Igrexas amosouse convencido de que esta fórmula, que xa se utiliza en concellos de todo o mundo desde hai varias décadas, permitirá «poñer fin ao continuado abandono dos barrios e parroquias, blindar e alargar os servizos públicos municipais e converter o Concello nun parapeto social para enfrontar o actual contexto».

Con ese obxectivo demandarán que nas contas municipais do vindeiro ano se inclúa como mínimo unha partida de 12 millóns de euros, cuxo destino e uso terá que ser definido a través de procesos de participación directa da veciñanza e dos movementos sociais. «12 millóns é a mesma contía que Caballero quixo destinar a ese grande gasto inaugurábel que vai ser o ascensor Halo», explican.

«Non queremos que a decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses se tome en función do capricho do alcalde ou do criterio do seu grupo de Goberno. Vigo merece uns orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade», remachou Igrexas.