O BNG de Vigo presenta a súa folla de ruta para os vindeiros dous anos confiados aspirando a ser «forza determinante» en 2023

A Asemblea Local aberta da formación nacionalista viguesa valorou “moi positivamente” o traballo realizado na primeira metade do mandato que, afirman, cristalizou en máis de 435 propostas e iniciativas

O Bloque Nacionalista Galego presentou publicamente, nun almorzo informativo, a perspectiva e liñas de traballo coas que encarar os dous anos que restan de mandato municipal. A formación nacionalista sitúa como obxectivo “multiplicar” a súa representación no Pleno para se configurar como unha forza “determinante” na política local.

O responsable local do BNG de Vigo, Serafín Otero, deu conta das conclusións da asembea local aberta dos nacionalistas, que tivo lugar a a semana pasada e na que, segundo apuntou, “fíxose unha valoración unanimemente positiva do grande traballo realizado nestes dous anos”. Otero, salientou a “grande unidade interna” do Bloque en Vigo, cunha “militancia moi ilusionada e activa para empurrar desde abaixo o proxecto de cambio para a cidade”.

Aproveitando que se cumpren dous anos do pleno de toma de posesión, sucedido o 15 de xuño de 2019, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que coa súa entrada na corporación “culminouse o proceso de retorno do nacionalismo galego ao Pleno da principal cidade de Galicia”.

Igrexas lembrou que na súa toma de posesión explicitou o compromiso do Bloque de non se sumar ao “pim pam pum estéril” que, na súa opinión, marcara o mandato municipal anterior. “Desde o primeiro momento esforzámonos por poñer o foco nos problemas reais da cidade e en ofrecer respostas en positivo ás necesidades das viguesas e dos vigueses”, valorizou.

Como balanzo deste primeiro treito do mandato, Igrexas asegurou “con humildade e sen atisbo de autocompracencia”, que o BNG “ten desenvolvido unha importante intervención social e institucional, atinxindo unha relevancia cualitativa moi por acima da súa representatividade numérica na Corporación e salientando como referencia entre as forzas políticas da oposición”.

Unha andaina que sintetizou nas “máis de 435 iniciativas, propostas ou posicionamentos públicos do BNG de Vigo” desde xuño de 2019, resultado dunha actuación “continuada e permanente” e da estreita colaboración cos movementos sociais da cidade.

O portavoz municipal nacionalista puxo en valor a orientación do traballo realizado e que estivo marcada por un “contraste propositivo, acompañando cada crítica e cada denuncia, dunha alternativa en positivo e dunha proposta concreta”. Tamén subliñou que o BNG, a diferenza doutras forzas, para alén de axir como forza de oposición esixente fronte ao actual Goberno municipal mantivo unha posición firme e crítica fronte as políticas de abandono que a Xunta, e tamén o Goberno español, aplican contra Vigo. 

As cuestións relativas a problemáticas sociais e laborais, o medio ambiente, a cultura, a defensa dos servizos públicos, ou a demanda dunha mellora substancial da mobilidade en Vigo, foron en termos xerais os asuntos nos que pivotou a meirande parte do traballo da fronte nacionalista, prestando ademais especial atención ao abandono que padecen os barrios e parroquias.

No balanzo nacionalista tense moi presente que este período estivo marcado pola pandemia do coronavirus e os seus efectos, que encararon “redobrando esforzos e sen reducir a nosa iniciativa e intervención social e política”. “Estou certo que o BNG acertamos cando decidimos enfrontar este contexto desde un afán sincero de cooperación co Goberno municipal, desde a lealdade institucional. Non quixemos xogar a canto peor mellor, senón que sumamos para tentar robustecer a capacidade de resposta da cidade fronte a crise do coronavirus”, explicou Igrexas, resaltando as máis de 70 propostas que o Bloque trasladou ao Comité de Seguimento Municipal da Covid19.

Para Igrexas estes dous anos verifican que o Goberno municipal de Abel Caballero está instalado nunha “inercia anémica”. “Non teñen nada máis que ofrecer que máis do mesmo: titulares, infografías, grandes anuncios e promesas. Pero ao tempo insisten en seguir desatendendo as necesidades reais das viguesas e dos vigueses e no total abandono dos nosos barrios e parroquias”, resumiu. “Un Goberno que coa maior maioría e co maior orzamento da historia da cidade, deixa sen gastar 6 de cada 10 euros dos investimentos presupostados, é a definición dun goberno aparencial e impotente”, acrecentou. 

Desde o Bloque critican as decisións de prorrogar as concesións d auga e do transporte público, que demostran “o afán de Caballero por seguir avanzando e cronificando na privatización do Concello”, así como o “total escurantismo” co que se está a elaborar o novo PXOM.