O BNG de Vigo pon en marcha a campaña ‘Moito máis que tres’ para dar voz á veciñanza no Concello

A fronte nacionalista inicia unha rolda de actos públicos en todos os barrios e parroquias e unha intensa axenda de encontros con colectivos sociais e co tecido asociativo

Xabier P. Igrexas: «Na noite electoral do 28 de maio dixemos que o BNG íamos ser moito máis que tres asentos no Pleno, que íamos ser unha ferramenta útil para dar voz a quen outros non queren escoitar»

O Bloque Nacionalista Galego pon en marcha a campaña ‘Moito máis que tres. A túa voz no Concello’, coa que inicia unha rolda de actos públicos en todos os barrios e parroquias de Vigo e unha intensa axenda de encontros con colectivos sociais e co tecido asociativo, que foi presentada este mércores polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e polos concelleiros nacionalistas, Ana Martínez e Filipe Abalde.

“Escoita, diálogo e participación fronte ao monólogo do emperador espido que agora en lugar de exercer de alcalde prefire desempeñar como tertuliano, fronte á xordeira autoritaria de quen quere impoñer uns orzamentos municipais de costas ás necesidades reais da cidade e un PXOM elaborado na escuridade dos despachos”, destacou Igrexas a respecto dalgúns dos asuntos de relevancia sobre os que o BNG quere poñer luz con esta campaña.

O portavoz nacionalista lembrou que a noite electoral do pasado 28 de maio avanzou que “o Bloque íamos ser moito máis que tres asentos no Pleno para ser unha ferramenta útil que dea voz a quen outros non queren escoitar». Un compromiso que, asegurou, se materializou nestes cinco meses cun contacto estreito cos movementos sociais e con preto de 200 propostas e iniciativas que “evidencian que si hai alternativa ao desgoberno de Caballero”.

Dende o grupo municipal do Bloque subliñaron a importancia e necesidade de escoitar as demandas das viguesas e dos vigueses. “As súas propostas, ideas, queixas e tamén críticas para falar sen límites nin censuras na certeza de que Vigo merece máis, moito máis”, explicou Igrexas, que puxo en valor que “o BNG non pateamos cidade só en precampaña ou campaña electoral porque democracia é moito máis que votar cada catro anos”. Nesa liña, salientaron que esta campaña é un “exercicio práctico” de como as nacionalista conciben a política “coa man tendida para contar con todas e todos”.

Primeiros actos públicos da campaña

Os primeiros actos públicos da campaña terán lugar esta semana. Este mércores, 13 de decembro, o BNG visitará a Asociación Veciñal do Calvario (Avenida Martínez Garrido, 12) ás 20.30h. E este xoves, 14 de decembro, no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, ás 20.00h.