O BNG de Vigo pide un novo convenio para a ETEA que garanta a titularidade municipal dos terreos e instalacións deportivas

Vista aérea da ETEA.

A fronte nacionalista formula un voto particular fronte ao «disparate» defendido por Abel Caballero de desafectar e devolver a parcela e as instalacións deportivas á Zona Franca para pagar un canon anual de 130 mil euros

Xabier P. Igrexas: «Esta saída en falso vai supoñer un gravísimo prexuízo para a veciñanza, cando o Concello tiña que liderar a recuperación efectiva deste importante ámbito en Teis»

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide promover un novo convenio para a ETEA que permita garantir o dominio público municipal das parcelas das que é titular o Concello. A fronte nacionalista vén de rexistrar un voto particular en contra da pretensión do goberno de Abel Caballero de desafectar e devolver a parcela na que están, entre outros, as instalacións deportivas á Zona Franca, unha decisión que a xuízo do BNG supón «unha saída en falso» para que o Concello continúe a desentenderse deste ámbito no barrio de Teis. Esta cuestión será abordada no Pleno convocado para o vindeiro 7 de setembro.

Así o manifestou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este venres unha xuntanza con membros da directiva da Asociación Veciñal de Teis. «Diante do incumprimento do convenio do ano 2009 e para executar a sentenza do TSXG, cómpre agora formular un novo acordo de colaboración entre o Concello de Vigo, a Zona Franca e a Xunta de Galiza que permita garantir a continuidade baixo dominio público municipal destas parcelas, unha fórmula factíbel e legal suxerida polos propios servizos xurídicos do Concello», defendeu o edil nacionalista.

Igrexas advertiu de que esta a desafección e devolución da parcela suporá «un gravísimo prexuízo para a veciñanza», en particular no referido ás instalacións deportivas nas que o Concello investiu dous millóns de euros para a súa posta en marcha e que, de aprobarse no vindeiro Pleno a proposta do Goberno municipal, serán cedidas de forma gratuíta á Zona Franca para acabar pagando un canon anual de arredor de 130 mil euros de diñeiro público das viguesas e dos vigueses. «Esta saída vai supoñer si ou si o peche, inda que sexa temporal, destas instalacións deportivas, algo inaceptábel», advertiu.

Nese sentido, o concelleiro do BNG chamou a resolver a situación mediante a cooperación institucional e cuestionou que a Zona Franca, cuxa acción está centrada na promoción da actividade empresarial e industrial,  vaia ser titular de espazos públicos ou de instalacións deportivas. «É un disparate, por iso desde o BNG insistimos en que o Concello de Vigo ten que deixar dunha vez esta posición pasiva, de abandono da ETEA, para pasar a liderar a recuperación efectiva deste importante ámbito», salientou Igrexas.

O edil nacionalista lembrou que, dúas décadas despois da saída dos militares, a ETEA continúa abandonada e sen desenvolver polas administracións e que esta decisión de Abel Caballero suporá retroceder á «casilla de inicio».

«Abel Caballero mentiu reiteradamente á veciñanza de Teis»

Desde a Asociación Veciñal de Teis mostraron tamén o seu rexeitamento a esta decisión do Goberno municipal e instaron ao Concello de Vigo a buscar outra saída que permita que estes terreos sigan sendo de titularidade municipal para poder iniciar, dunha vez, a recuperación deste espazo.

«Abel Caballero mentiu reiteradamente á veciñanza de Teis e de Vigo en relación á ETEA. Sempre dixo que o Concello só tiña responsabilidade sobre o pavillón e agora recoñece que 51 mil metros cadrados pertencían ao patrimonio municipal», afeou o seu presidente, Anxo Iglesias. «O que nos preocupa é o desinterese e o desleixo que amosa o Concello de Vigo e esta decisión só vai a provocar que perdamos aínda máis tempo e que entre uns e outros a ETEA siga abandonada», asegurou.