O BNG de Vigo pide rectificar o proxecto do novo parque García Picher escoitando as demandas veciñais

A fronte nacionalista mantén un encontro coa plataforma veciñal, organizada en oposición ao modelo anunciado polo Goberno municipal para a reforma deste espazo

Xabier P. Igrexas: “O BNG apostamos nun parque García Picher que se convirta nun exemplo de grande espazo verde e convivencial e non apenas nun molote de caucho”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo pide rectificar o proxecto do novo parque García Picher e solicita ao goberno de Abel Caballero que escoite as demandas do barrio. A fronte nacionalista reclama a participación directa das veciñais e veciños da contorna no deseño do novo espazo e chama a apostar nun modelo alternativo de parques máis verdes e avanzar cara espazos urbanos que permitan a convivencia interxeracional. 

“O BNG trasladamos o noso apoio á campaña que teñen iniciado as veciñas e veciños que levan sumado máis de 400 sinaturas en oposición a este proxecto, que quere converter esta importante zona verde nunha explanada de máis de 3 mil metros cadrados de caucho”, asegurou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter este venres un encontro coa plataforma organizada contra o proxecto de reforma do Goberno municipal.

Igrexas censurou que “máis unha vez” o goberno de Abel Caballero decida acometer unha obra sen diálogo coa veciñanza “que é quen coñece de primeira man cales as necesidades reais do barrio”. Neste sentido, o edil nacionalista solicitou atender as reclamacións cidadás que apuntan á necesidade dun entorno máis natural e pensado para todas as idades. 

“O BNG non compartimos este modelo de parques do Goberno local, cremos que hai que avanzar cara espazos de xogo integrado, por espazos urbanos convivenciais pero, sobre todo e o máis importante, queremos espazos urbanos naturalizados”, defendeu Igrexas. “O que está a demandar a veciñanza en relación ao parque García Picher, pero tamén no resto da cidade, é que queremos un Vigo máis verde”, engadiu.

O concelleiro nacionalista valorou que ese obxectivo “pasa por máis árbores e menos caucho, por máis presenza natural e por menos elementos artificiais, por construírmos unha cidade máis cómoda e respirábel”.