O BNG de Vigo pide explicacións a Urbanismo polas irregularidades na concesión de licenzas

A fronte nacionalista reclama á concelleira María Jose Caride que rectifique a licenza “abertamente ilegal” outorgada para unha parcela na rúa Porto Rico

Solicita a revisión de oficio de todas as licenzas concedidas desde a aprobación inicial do novo PXOM para desmentir as sospeitas dunha “xestión urbanística á carta”

Xabier P. Igrexas: “O BNG esixímoslle a Caride que non se esconda detrás dos técnicos porque a licenza foi dada coa súa sinatura e non é unha indocumentada”

O Bloque Nacionalista Galego pide explicacións a Urbanismo polas irregularidades detectadas na concesión de licenzas en Vigo. A fronte nacionalista denuncia que o Goberno municipal vén de outorgar unha licenza “abertamente ilegal” para unha parcela na rúa Porto Rico, polo que reclama á concelleira da área, María Jose Caride, que rectifique esta decisión para desmentir as sospeitas dunha “xestión urbanística á carta”.

Ardan

“Esta licenza non pode outorgarse porque suporía unha actuación abertamente contraria a dereito e un agravio comparativo indefendíbel con outras viguesas e vigueses”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que explicou que esta decisión vulnera a suspensión automática de licenzas naqueles ámbitos nos que o novo PXOM en tramitación modifica a anterior cualificación urbanística.

Así, esta parcela situada nun ámbito tan “goloso especulativamente” como a Praza de España figura como Solo Urbano Consolidado no PXOM de 1993 e no Instrumento de Ordenación Urbanística (IOP), mais no novo Plan Xeral pasa a considerarse como Solo Urbano Non Consolidado e, ademais, como parte dun Plan Especial de Reforma Interior (PERI). Unha modificación que, en base ao propio acordo do Pleno, impide a concesión da licenza.


“A normativa urbanística é clarísima”, remachou Igrexas, que asegurou que o Concello de Vigo ten que anular esta licenza ou “confirmará as sospeitas de que co Goberno municipal de Abel Caballero hai unha xestión urbanística á carta”. Nese sentido, desde a fronte nacionalista reclamaron tamén a revisión de oficio de todas as licenzas concedidas desde a aprobación inicial do novo PXOM para desmentir que existan máis casos similares.

“Non se esconda detrás dos técnicos”


O candidato do BNG afeou as declaracións públicas da concelleira de Urbanismo, María Jose Caride, amparándose en que as licenzas contan con informes favorábeis. “Esixísmoslle á señora Caride que non se esconda detrás dos técnicos, porque a licenza foi dada coa súa sinatura como vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo”, criticou o edil nacionalista, que lembrou que a responsábel de Urbanismo “non é unha indocumentada”, pois foi conselleira de Ordenación Territorial na Xunta de Galiza e leva moitos anos a exercer como máximo responsábel política nesta área no Concello de Vigo.Por estes motivos, o concelleiro do Bloque anunciou que vai interpelar a Caride no vindeiro Consello para que “dea a cara” por esta actuación así como demandar o informe elaborado pola Secretaría Xeral do Pleno en relación a estes procedementos. “A barra libre no urbanismo non é aceptábel e o BNG defendemos que ten que haber normas claras e que se apliquen por igual a todo o mundo”.