O BNG de Vigo pide destinar os remanentes a atender as necesidades reais da cidade e non só a “cemento inaugurábel”

A fronte nacionalista formula dez emendas para sumar outros 25 millóns de euros que permitan incrementar as políticas de emprego e vivenda, apoiar o comercio local, crear novas escolas infantís e bibliotecas e enfrontar a pobreza enerxética e a soidade

Xabier P. Igrexas: “O BNG presentamos emendas en positivo para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses fronte a ese modelo de grandes inauguracións que defende o goberno de Abel Caballero”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de formular dez emendas á proposta de modificación orzamentaria do Goberno municipal para incorporar 45 millóns de remanentes nas contas de 2022. A fronte nacionalista pide incrementar a partida outros 25 millóns de euros para atender as “necesidades reais” e cuestionou que o Goberno local insista en destinar o aforro da cidade só a “máis cemento inaugurábel”.

“O BNG presentamos emendas en positivo para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses fronte a ese modelo de grandes inauguracións que defende o goberno de Abel Caballero”, explicou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, que reiterou as críticas diante da permanente inexecución orzamentaria do Goberno municipal, que deixou sen gastar 120 millóns de euros do presuposto ordinario do pasado ano.

Entre as propostas formuladas, desde o Bloque cren necesario un plan de actuacións para todos os barrios e parroquias, dotado con 7 millóns de euros. Igrexas afeou que boa parte dos investimentos proxectados polo Goberno local queden reducidos aos ámbitos centrais de Vigo, «desatendendo así as numerosas demandas de infraestruturas, mantemento e dotacións do resto da cidade».