O BNG de Vigo lamenta que Caballero impoña unha suba de impostos “innecesaria e socialmente inxusta”

Igrexas, na sala de plenos.

A fronte nacionalista critica que PSOE e PP rexeitaran as súas emendas para avanzar cara a unha fiscalidade municipal equidistributiva e socialmente xusta alargando o uso de bonificación e exencións para as familias traballadoras

Xabier P. Igrexas: “Ver ao PSOE e ao PP votar xuntos en contra das emendas coas que o BNG pretendíamos que paguen menos impostos municipais as persoas con menos recursos, ilustra o carácter progresista desta subida de impostos”

O Bloque Nacionalista Galego lamenta que o Goberno municipal de Abel Caballero decidise impoñer unha suba xeneralizada dos impostos e taxas municipais para o vindeiro ano 2024. Un aumento, do 4%, que as nacionalistas consideran “absolutamente innecesario” dado o estado das finanzas municipais, con case 200 millóns de euros en remanentes, e “inxusto socialmente” porque vai castigar especialmente as rendas máis baixas e os fogares con menores recursos.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu no Pleno ordinario celebrado esta mañá as 63 emendas que formularon ao proxecto de ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio. As do BNG foron as únicas emendas que se someteron, a través dun voto particular, a debate e ditame da Corporación, pero resultaron rexeitadas tanto co voto en contra do PSOE como do Partido Popular.

“Ver ao PSOE e ao PP votar xuntos en contra das emendas coas que o BNG pretendíamos que paguen menos impostos municipais as familias e persoas con menos recursos, ilustra o carácter progresista desta subida de impostos”, ironizou Igrexas.

Desde a fronte nacionalista denunciaron que a suba impositiva agravará o crecente empobrecemento da maioría social que representan as clases populares e traballadoras da cidade, ao se engadir á perda de poder adquisitivo de salarios e pensións. “Para vostedes, con salarios brutos de máis de 65 mil euros brutos ,pode parecerlles menor a subida que propoñen pero é un golpe duro para moitos fogares nos que, literalmente, cada día 15 xa é final de mes e que non son quen de enfrontar os gastos diarios”, reprochou Igrexas ao grupo de Goberno.

Emendas

As emendas do BNG, que foron rexeitadas, apostaban en reducir a carga dos fogares con menos recursos con exencións e bonificacións das principais taxas municipais de como mínimo un 50% no recibo do IBI, no imposto de circulación, no recibo do lixo e nas escolas municipais e instalacións deportivas. Tamén urxían medidas fiscais, para solucionar o “grave problema” de acceso á vivenda en Vigo. Nese sentido, o BNG propón recargar nun 95% o IBI para as vivendas desocupadas (máis de 20 mil na cidade segundo os últimos datos do INE) e, por outro lado, aplicar unha bonificación do 95% para aquelas vivendas que se poñan a disposición de programas de vivenda social, co fin de mobilizar ese “inmenso” número de vivendas baleiras.

Outras das cuestións demandadas polo BNG era o mantemento da gratuídade do Servizo de Axuda no Fogar para persoas con ingresos inferiores ao IPREM, a gratuídade do uso das instalacións deportivas para os clubes de base ou a conxelación das tarifas do autobús e a creación dun bono gratuíto para persoas desempregadas e de baixos recursos.

Dende o BNG defenderon, tamén, como un dos aspectos centrais das súas emendas avanzar cara á fin da “estafa” da tarifa da auga cun novo modelo integral de xestión, que a considere como un ben público, e cun sistema de tarifas socialmente máis xusto. Nesa liña, propoñen un desconto do 20% para aqueles fogares con consumos inferiores aos 3 metros cúbicos por persoa e mes, ademais da exención para persoas perceptoras de axudas sociais como PNC, RAI, Risga ou IMV que permitan garantir o acceso universal á auga.