O BNG de Vigo esíxelle ao novo presidente da Autoridade Portuaria que «desista definitivamente de perpetrar novos recheos»

O portavoz municipal do BNG Vigo vén de remitirlle a Carlos Botana unha carta na que lle traslada catro cuestións da “máxima importancia” para avanzar cara a un porto máis sustentábel e mellor integrado na cidade

A fronte nacionalista demanda tamén a reordenación dos usos da lámina portuaria, unha aposta decidida pola PLISAN como “porto seco de Vigo”, un compromiso real para poñer fin ás verteduras de augas sen depurar e recuperar o diálogo e a cooperación entre o porto e o Concello

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir cementando un ecosistema tan valioso, do punto de vista ambiental pero tamén da actividade económica como é a Ría de Vigo”

Despois da celebración este venres do primeiro Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo con Carlos Botana como novo presidente, o Bloque Nacionalista Galego vén de dirixirlle un escrito trasladándolle catro cuestións “da máxima importancia” para avanzar cara a un porto máis sustentáble en termos ambientais e mellor integrado na cidade.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A primeira cuestión trasladada polo portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, na misiva é a esixencia de que a Autoridade Portuaria desista, definitivamente, dos proxectos de novos recheos en Bouzas que suporían preto de 70 mil metros cadrados de novos aterramentos.

Igrexas chamou tamén a avaliar a posibilidade técnica de reverter o último recheo de 8 mil metros cadrados nas inmediacións do Berbés, que inda non está consolidado e que “carece de motivación e supón unha grave agresión ambiental”. “A cidade xa lle gañamos ao mar máis de 3 millóns de metros cadrados e non podemos seguir cementando un ecosistema tan valioso, do punto de vista ambiental pero tamén da actividade económica, como é a Ría de Vigo”, afirmou.

En relación a isto, no segundo punto o edil nacionalista afirma que a aposta polo crecemento ordenado e sustentábel da actividade portuaria en termos loxísticos “ten que pasar, si ou si, pola reordenación dos usos da lámina portuaria, a través dunha Delimitación de Espazos e Usos que sigue pendente” e tamén polo desenvolvemento efectivo da PLISAN, para que “funcione como verdadeiro porto seco de Vigo”.

Fin das verteduras e retomar o diálogo

En terceiro lugar, o BNG reclámalle ao presidente da Autoridade Portuaria un verdadeiro compromiso para poñer fin ás verteduras de augas sen depurar, tendo en conta que o 90% destes vertidos se producen desde a lámina portuaria. “Non podemos converter o noso litoral nunha enorme cloaca”, enfatizou Igrexas.

Por derradeiro, a carta subliña que “é momento de recuperar a cooperación institucional entre o Porto e o Concello de Vigo” para avanzarmos cara a unha mellor integración da realidade portuaria na cidade. No concreto, Igrexas sostén que “é imprescindíbel que se abra de inmediato un diálogo real para abordar a desafección portuaria de zonas que arestora teñen un uso claramente urbano e non portuario”, como é o caso da praia de Mende en Teis e diferentes parcelas dotacionais en Bouzas.