O BNG de Vigo esixe que o Goberno local aclare cal é o seu modelo para as Zonas de Baixas Emisións

A fronte nacionalista denuncia falla de avances e opacidade sobre esta medida e advirte de que “a solución non pasa por facer unha mala copia de modelos como Madrid Central”

Xabier P. Igrexas: “O BNG estamos a elaborar xa unha alternativa propia baixo a premisa de avanzarmos cara un Vigo máis sustentábel e unha mobilidade alternativa, e non só con medidas restritivas nalgúns puntos da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Goberno municipal de Vigo explique a súa proposta para a posta en marcha das Zonas de Baixas Emisións (ZBE), após o acordo do Pleno no pasado mes de setembro que comprometía o seu deseño antes do remate de 2021. A fronte nacionalista interpelará ao Goberno local na vindeira comisión informativa de Seguridade diante da falla de avances e a opacidade que rodean esta medida.

“Queremos que o goberno de Abel Caballero diga claramente sobre que idea está traballando, cal é a proposta que vai poñer enriba da mesa”, reclamou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a que unha medida de tanta relevancia para o futuro da cidade sexa elaborada de forma “consensuada, con participación de toda a veciñanza, con diálogo e transparencia”.

Nese sentido, Igrexas advertiu de que “a solución non pasa por facer unha mala copia a escala de modelos como Madrid Central”, pois considera o edil nacionalista que “xa se teñen demostrado na práctica que non son a fórmula máis eficiente para reducir as emisións”. Sobre a falla de avances, subliñou que a única xestión do Goberno local polo momento foi iniciar en xaneiro a consulta pública, un trámite formal previo á elaboración da ordenanza de ZBE.

O concelleiro do Bloque anunciou que desde a fronte nacionalista traballan xa nunha alternativa propia, que conta coa participación de persoas expertas na materia, e que proximamente iniciarán un proceso de consultas co tecido asociativo e con entidades e colectivos da cidade para que Vigo sexa tamén unha “referencia” en termos ambientais

“O BNG estamos elaborando unha proposta en positivo e con afán construtivo baixo a premisa de que, para avanzarmos cara ese Vigo máis sustentábel e combatermos os efectos da situación de emerxencia climática, son precisas políticas integrais que despreguen un modelo de mobilidade alternativo para o conxunto da cidade, e non só con medidas restritivas nalgúns puntos”, explicou Igrexas.

Sobre a proposta das nacionalistas, o concelleiro adiantou algunhas das liñas mestras da mesma. “Un modelo que pivote no transporte colectivo, que aposte na mobilidade peonil e reduza ao mínimo imprescindíbel o uso do vehículo privado, brindando alternativas para quen hoxe se segue a ver obrigado a utiliza o coche para poder moverse na nosa cidade”.