O BNG de Vigo esixe a Caballero que dea a cara tras a nova condena por corrupción dun alcalde pedáneo do PSOE en Bembrive

A fronte nacionalista cualifica de “escándalo sen precedentes na cidade” a sentenza por prevaricación contra Marcos Castro, que xunto a do anterior pedáneo Roberto Ballesteros suman 35 anos de inhabilitación e varios de prisión

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe ao presidente local do PSOE, o alcalde Abel Caballero, que dea a cara tras a condena por prevaricación a 12 anos de inhabilitación do alcalde pedáneo do seu partido en Bembrive, Marcos Castro. A fronte nacionalista reclama explicacións diante desta nova sentenza por corrupción na Entidade Local Menor, que xunto a do anterior pedáneo Roberto Ballesteros suman 35 anos de inhabilitación e varios de prisión.

“A renuncia do socialista Marcos Castro non abonda para poñer fin a este escándalo sen precedentes na historia da cidade e no conxunto dos concellos do noso País”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que interpelou a Caballero para que responda por estas condenas contra dous alcaldes “designados por el e que contaron co seu patrocinio persoal”.

O candidato do BNG asegurou que esta condena pon en evidencia “a nefasta xestión do PSOE envolta de maneira sistemática e estrutural en corrupción e nunha xestión prevaricadora do diñeiro público”. Nese sentido, desde o Bloque lembraron que a Entidade Local Menor de Bembrive xestiona cada ano preto de 300 mil euros que lle transfire directamente o Concello de Vigo.

“Abel Caballero ten que dar a cara e pedirlle desculpas ás veciñas e veciños de Bembrive, pero tamén ao conxunto das viguesas e dos vigueses que non nos merecemos casos como os que se veñen de sentenciar”, remachou Igrexas.