O BNG de Vigo denuncia que Caballero segue sen facilitarlle os expedientes do concerto de Guns N’Roses

Foto: Guns N' Roses

Xabier P. Igrexas: «Canto máis se empeñan en ocultar máis apesta todo a chanchullo. As viguesas e vigueses merecen saber como se ian usar case 2 millóns de euros de diñeiro público»

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar publicamente que o Goberno municipal de Vigo continúa sen facilitarlle acceso a toda a documentación e expedientes municipais relativos ao concerto de Guns N’ Roses e ao frustrado concurso público para o seu patrocinio publicitario por parte do Concello.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou «extraordinariamente grave» que o executivo de Abel Caballero insista na «opacidade e obstrucionismo» ao non ter inda atendido a solicitude de acceso íntegro a todos os expedientes municipais relativos ao concerto. No concreto, Igrexas, denunciou que o Goberno municipal volve «incumprir ilegal e descaradamente o Regulamento Orgánico do Pleno», ao non ter atendido a solicitude que reiterou o pasado 11 de xullo.

O ROP estabelece no seu artigo 9.4 que as solicitudes de información e documentación municipal deben ser «resoltas e materializadas no prazo de cinco días naturais» desde a súa solicitude, prazo que rematou onte domingo tendo en conta que o foi o pasado martes  cando rexistrou un escrito reiterando a solicitude trasladada inicialmente o 12 de xuño, acrecentandoa cunha relación detallada de 41 documentos e expedientes.

O Goberno local tampouco informou, como requiriu expresamente a fronte nacionalista e é legalmente obrigatorio, sobre se existiu ou non un preacordo coa promotora do concerto previo ao frustrado concurso público para adxudicar un patrocinio publicitario de case 2 millóns de euros.

«Caballero non está só a vulnerar os dereitos fundamentais dos concelleiros e concelleira do BNG, senón que o que é máis grave está impedindo que se coñeza a verdade do sucedido en relación co concerto de Guns N’ Roses, cando existen clarísimos indicios de irregularidades e mesmo de posíbeis delitos», afeou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista, que adiantou que dará traslado deste novo incumprimento á Valedora do Pobo que a semana pesada abriu expediente contra o Concello de Vigo pola opacidade neste asunto, preguntouse «que é o que quere tapar Caballero con este manto de opacidade e silencio? que é o que quere que as viguesas e vigueses non coñezamos?». 

Neste sentido, Igrexas advertiu a Caballero que «se equivoca de cheo se pensa que o paso do tempo ou a súa violencia admnistrativa nos vai facer desistir de querer coñecer a verdade». «Canto máis se empeñan en ocultar máis apesta todo a chanchullo. As viguesas e vigueses merecen saber como se ian usar case 2 millóns de euros de diñeiro público», remachou.