O BNG de Vigo denuncia que a “chapuza” dos novos horarios de Vitrasa empeora o servizo de buses

O concelleiro Xabier Igrexas chama a unha “reorganización integral” das liñas de bus urbano para potenciar o seu uso mellorando “substancialmente” o seu funcionamento

O BNG de Vigo amosou hoxe a súa desconformidade coas modificacións horarias aplicadas desde hai varias semanas nos autobuses urbanos da cidade. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, cualificou os cambios de “grande chapuza” e denunciou que empeoran o servizo.

ZFV

Igrexas denunciou que as alteracións deseñadas por Vitrasa e que foron aplicadas con autorización do Goberno municipal, traducíronse nunha “merma significativa do servizo”. No concreto, o portavoz municipal nacionalista sinalou que se impón un modelo de “horarios irregulares” que impiden que as persoas usuarias saiban con anterioridade a que hora pasan os autobuses nas diferentes paradas, así como unha redución das frecuencias. Aliás, estas mudanzas están a dificultar o transbordo entre varias liñas alongando os tempos de viaxe.

Desde a fronte nacionalista critican que os cambios se aplicasen sen ter consultado nin a usuarios e usuarias nin ao movemento veciñal da cidade, e subliñan que malia todo seguen sen permitir o dereito aos descansos que ten o persoal condutor durante a súa xornada de traballo. Nese sentido, Igrexas afeou tamén a escasísima información pública sobre os cambios e que exemplificou no feito de que esta mesma mañá na web oficial de Vitrasa continúen colgados os horarios anteriores.

O Bloque quíxose facer eco tamén das crecentes protestas veciñais por causa dos novos horarios e sinalou que hai ámbitos, como a parroquia de Candeán, que se viron seriamente prexudicados con inda menos cobertura.

Reorganización integral

Fronte a esta nova “chapuza” Igrexas volveu reclamar que se acometa unha reorganización integral do servizo de autobús urbano na cidade revisando todas e cada unha das liñas, adecuando os seus percorridos para conectar mellor tanto os barrios e parroquias como servizos esenciais (hospital, campus universitario, estacións de transporte…).

“O momento de facelo é agora. Porque estamos a piques dunha nova concesión e temos a oportunidade de facer unha aposta decidida por mellorar o transporte urbano, para revolucionar a mobilidade en Vigo e reducir o uso do coche particular”, explicou o edil nacionalista que lamentou o “desleixo” do Goberno municipal.

1 COMENTARIO

  1. Querían en la línea C3 aumentar en cada vuelta 2′, de momento no lo han hecho, pero si lo llevan a cabo llegara un momento que no sabrás a que hora pasa, vamos a tener que usar la calculadora para ver a que hora llega, porque si llamas al teléfono de Vitrasa, la malloria de las veces no te lo cogen.

Los comentarios están cerrados.