A fronte nacionalista reclama explicacións á concelleira de Seguridade por reducir a dotación do servizo no momento de maior afluencia aos areais da cidade

Xabier P. Igrexas: “É un exemplo máis da desatención da Protección Civil, un servizo que se ten demostrado esencial para colaborar na seguridade das viguesas e dos vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia o recorte da metade do operativo de Protección Civil que vixía as praias de Vigo. A fronte nacionalista advirte de que só unha lancha da Agrupación Local está a patrullar de luns a venres desde a auga para prestar asistencia ás bañistas, cando no verán pasado o servizo contaba con dous equipos de voluntarios e voluntarias.

“Demandamos á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que dea conta dos motivos que xustifican este recorte no operativo no momento de maior afluencia aos areais de Vigo”, salientou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que urxiu a corrixir esta situación para garantir como mínimo a mesma dotación que o ano anterior.

Igrexas apuntou que este recorte supón un novo exemplo do “desleixo” da Protección Civil por parte do goberno de Abel Caballero. “Este servizo se ten demostrado esencial para colaborar na seguridade da nosa cidade e para prestar axuda ás viguesas e aos vigueses en situacións de emerxencia”, valorou o concelleiro nacionalista.

Insuficiencias reiteradas

O voceiro municipal do BNG asegurou que a Agrupación Local padece reiteradas “insuficiencias e deficiencias” durante os últimos anos como consecuencia da desatención do Goberno local, malia ter coñecemento das numerosas dificultades denunciadas polo propio voluntariado. Insistiu na urxencia de reforzar este servizo, atendendo as demandas do persoal e dotándoo de máis recursos para garantir a seguridade na cidade.

“Esta situación é produto da teimosía do goberno de Abel Caballero en non recoller as queixas e propostas do voluntariado de Protección Civil”, lamentou Igrexas, que asegurou que este “abandono” non é o xeito de corresponder o “esforzo e o compromiso xenerosos” das e dos voluntarios e vai na liña contraria do anunciado polo alcalde, que defendeu recentemente a “semiprofesionalización” do servizo desde a presidencia da FEMP.