O BNG de Vigo demanda unha reunión urxente da Comisión de Seguridade despois do “caos perigosísimo” deste venres

A fronte nacionalista esixe modificar as medidas de seguridade e tráfico diante do “rotundo fracaso” dos plans anunciados polo  Alcalde para evitar que o Nadal se converta nunha “agonía de seis semanas” que faga a cidade intransitábel, inhabitábel e insegura

Xabier P. Igrexas: “O desgoberno de Abel Caballero é unha ameaza para a seguridade pública”

O Bloque Nacionalista Galego vai solicitar a convocatoria extraordinaria e urxente da Comisión Informativa de Seguridade do Concello de Vigo para abordar o “caos perigosísimo” que se viviu este venres, no que a cidade ficou colapsada durante horas. Demandan que nela compareza a concelleira delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a fronte nacionalista xa solicitara hai dous meses un verdadeiro plan de tráfico e de seguridade, que incluíse medidas como a instalación de aparcamentos disuasorios e o reforzo do servizo de bus urbano con lanzadeiras desde estes para evitar que se volvese repetir, como así sucedeu, o vivido no nadal do ano pasado, con escenas como peóns atravesando túneles, retencións quilométricas durante horas e o bloqueo do transporte urbano e dos taxis.

Para o BNG é especialmente grave o vivido onte por non se tratar dunha situación sobrevida ou inesperada. “Isto non é algo inesperado, é algo provocado por un caprichoso modelo de Nadal que sigue concentrado nunhas poucas rúas do centro e pola obsesión do Alcalde polas grandes masas de xente”, denuncia Igrexas.

“O desgoberno de Abel Caballero é unha ameaza para a seguridade pública”, afirma Igrexas, denunciando a falla de medidas efectivas. “Hai uns días o alcalde anunciaba 11 corredores de emerxencias, pero o que vimos onte foron ambulancias e vehículos de emerxencia que non lograban avanzar en medio do tapón de tráfico”, reprocha.

Desde o BNG cuestionan tamén o operativo de control de accesos nos que se puido ver a persoal voluntario de protección civil e doutras entidades privadas dirixindo o tráfico sen a capacitación necesaria e sen supervisión da Policía Local. “É de tolos pensar que dando un pito e un chaleco reflectante se pode ordenar un colapso de tráfico dese tamaño”, enfatizou.

Igrexas urxe a revisión das previsións en materia de tráfico e de seguridade, unha vez confirmado o “rotundo fracaso” das aplicadas até agora, para evitar que o Nadal se converta nunha “agonía de seis semanas” que faga a cidade intransitábel, insegura e inhabitábel.