O BNG de Vigo demanda unha elaboración participativa dos novos orzamentos municipais

O concelleiro nacionalista nunha rolda de prensa no Concello de Vigo.

A fronte nacionalista pide que se poñan en marcha mecanismos que permitan a participación directa da veciñanza e do tecido asociativo para definir as contas do vindeiro ano

Xabier P. Igrexas: “Queremos uns orzamentos de toda a cidade e non só do capricho de Abel Caballero. É hora de que Vigo avance cara a uns orzamentos máis participativos e democráticos, que respondan en maior medida ás necesidades reais do conxunto da cidade”

Ás portas do inicio da elaboración dos novos orzamentos municipais do Concello de Vigo para o exercicio 2022, o Bloque Nacionalista Galego demandou que se poñan en marcha mecanismos que permitan a participación directa da veciñanza e do tecido asociativo. A fronte nacionalista reclama que as contas municipais para o vindeiro ano se definan con diálogo para que atendan as necesidades reais das viguesas e vigueses e dos barrios e parroquias.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defende que “a cidade non pode permitirse máis unha vez uns orzamentos elaborados en réxime de monólogo por parte do Goberno municipal». Neste sentido, destacou a enorme importancia dos orzamentos na medida en que definen “a que dedicar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses, que necesidades se atenden, que investimentos se realizan ou que servizos se melloran”. “Non pode decidirse só coa opinión do grupo municipal socialista. Queremos uns orzamentos de toda a cidade. É hora de que Vigo avance cara a uns orzamentos máis participativos e democráticos, que respondan en maior medida ás necesidades reais do conxunto da cidade” argumentou.

Desde a fronte nacionalista advirten da “moi mala experiencia” de anteriores exercicios nos que “para alén a da propaganda, dos anuncios e das promesas, o Goberno pesar de contar cunha ampla maioría absoluta demostrouse reiteradamente incapaz de executar o seu propio orzamento”. A este respeito Igrexas enfatiza que as viguesas e os vigueses non merecen que 3 de cada 4 euros dos investimentos queden sen executar ou que non se aplique a totalidade do capítulo de persoal ao tempo que hai servizos municipais “afogados” pola falla de medios.

“Trátase de que os orzamentos de 2022 sexan útiles para enfrontar o contexto de crise, pero sobre todo sexan os orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade, e non só os do capricho de Abel Caballero e o seu equipo”, remachou o portavoz municipal nacionalista.