O BNG de Vigo demanda un exame dos danos na araucaria centenaria da Alameda pola instalación de adornos de nadal

A fronte nacionalista urxe analizar o estado deste exemplar singular e catalogado, que presenta signos de deterioración que poden comprometer a súa saúde

Xabier P. Igrexas: «É unha evidencia máis da política de maltrato que o goberno de Abel Caballero practica contra un elemento esencial do ecosistema urbano como as árbores»

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo demanda realizar un exame «exhaustivo» do estado de saúde da araucaria excelsa da Alameda diante dos danos que presenta este exemplar centenario e catalogado. A fronte nacionalista urxe actuar para garantir o bo estado e a continuidade desta árbore singular e reitera a «irresponsabilidade» do Goberno municipal por pendurar nela adornos de nadal.

«A araucaria presenta signos e evidencias de danos que poderían comprometer a súa saúde», advertiu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou que esta árbore senlleira da cidade padece agora as consecuencias de ser utilizada como poste ornamental durante meses (os adornos foron retirados en xuño) e malia as continuadas denuncias realizadas, entre outras, pola propia fronte nacionalista.

Nese sentido, Igrexas chamou a analizar de forma «exhaustiva» este exemplar centenario para coñecer o alcance da deterioración, visíbel tanto na copa coma no tronco da árbore, así como adoptar todas as medidas necesarias para a súa correcta preservación.

O edil do BNG denunciou que o estado desta árbore centenaria é unha evidencia máis da «política de maltrato» practicada polo goberno de Abel Caballero contra o arboredo da cidade que, a xuízo das nacionalistas, debe ser tratado como un «elemento esencial do ecosistema urbano» e non como un «mero adorno»

«Cómpre poñer fin a esta política arboricida, urxe unha rectificación completa que protexa o arboredo, que posibilita termos unha cidade máis sostíbel en termos ambientais pero tamén máis e mellor habitábel», subliñou o concelleiro nacionalista en Vigo.