O BNG de Vigo demanda que se recupere o servizo municipal de préstamo de bicicletas eléctricas

Piden que se volva poñer en marcha o proxecto iniciado no ano 2011, por impulso da fronte nacionalista, e que foi clausurado sen explicación por Abel Caballero

Xabier P. Igrexas: “No BNG temos moi clara a aposta estratéxica por facilitar o uso da bicicleta en Vigo non apenas como unha opción deportiva ou de lecer senón como un medio de transporte sustentábel e saudábel”

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que o Concello de Vigo recupere o servizo municipal de préstamo de bicicletas eléctricas. Unha iniciativa que fora impulsada polo propio BNG desde o Goberno local, no ano 2011, e que foi clausurada sen explicación por Abel Caballero tras a saída dos nacionalistas do seu executivo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defende o carácter “esencial” deste servizo público para apostar decididamente por unha mobilidade alternativa e avanzar cara a unha cidade máis ciclábel. “No BNG temos moi clara a aposta estratéxica por facilitar o uso da bicicleta en Vigo non apenas como unha opción deportiva ou de lecer, senón como un medio de transporte sustentábel e saudábel”, afirmou.

Igrexas lembra que o proxecto, que contara no seu momento co apoio unánime do Pleno, desenvolveuse inicialmente como experiencia piloto no Casco Vello cun “magnífico resultado”, atinxindo 1.500 persoas usuarias en apenas 4 meses.

«Desde a súa desaparición, hai case trece anos, o Goberno de Abel Caballero non quixo posicionarse nunca de maneira clara a respeito de se Vigo, como outras cidades (moitas delas de moito menor tamaño) en Galiza e no resto do Estado, ía dotarse dun sistema de alugueiro público de bicicletas», sinalan. “A única medida que adoptou en todos estes anos o alcalde foi posar hai poucos días na fotografía da presentación pública dun servizo privado por parte da empresa que xestiona os aparcamentos soterrados, que ten exactamente o dobre de custo que o impulsado polo BNG en 2011”, criticou Igrexas.

Desde o BNG consideran que esa lexítima iniciativa privada non dá resposta á necesidade da cidade e, por iso, demandan a Caballero que se recupere o servizo público municipal de préstamo de bicicletas eléctricas na cidade de Vigo, con prezos accesíbeis e coa vocación de estendelo ao conxunto dos barrios e parroquias da cidade e non apenas no casco urbano. “Os instrumentos xa existen, hai un regulamento municipal e unha ordenanza aprobadas por unanimidade, agora só falta o que non houbo durante todos estes anos: vontade política”, subliñou.

Opción real

Para o portavoz municipal nacionalista a implantación dos carrís bici demostraron que Vigo é unha cidade na que o uso da bicicleta é unha opción real, como verifica o feito de que sexan arredor 20 mil as persoas que cada mes fan uso destes carrís, logrando aumentar a súa utilización en máis do dobre nos últimos 4 anos.

“Pero para apostar de verdade por unha cidade máis ciclábel, cómpre moito máis que implementar os carrís bici”, advertiu. Igrexas asegurou que son moitas as tarefas pendentes neste ámbito, como implantar aparcadoiros seguros para bicis, poñer en marcha un Plan Director da Bicicleta en Vigo, despregar campañas de fomento do seu uso e da intermodalidade ou o necesario calmado do tráfico para facilitar a circulación segura de bicicletas e peóns. “A experiencia doutras cidades nas que se fixo unha aposta real pola promoción do uso da bicicleta, ten demostrado que unha medida absolutamente esencial é que se poñan en marcha sistemas públicos de alugueiro de bicicletas”, remarcou Igrexas.