O BNG de Vigo demanda máis frecuencias de bus urbano, abaratar o billete e unha revisión do mapa de liñas

A fronte nacionalista chama a apostar por un novo modelo de mobilidade ante o «deficiente» servizo de Vitrasa para dar unha alternativa real ao uso do vehículo privado

Xabier P. Igrexas: «O Concello ten que facer un esforzo decidido para dotar a unha cidade metropolitana de preto de 300 mil habitantes dun servizo de bus a súa altura»

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de demandar este xoves, con motivo do Día Mundial sen Coche, unha ampliación das frecuencias do autobús urbano, abaratar o prezo do billete e unha revisión do actual mapa de liñas. A fronte nacionalista chama a apostar por un novo modelo de mobilidade ante o «deficiente» servizo ofrecido por Vitrasa e para dar á veciñanza unha alternativa real ao uso do vehículo privado.

«Temos o reto como cidade de facer que todos os días en Vigo poidan ser días sen coche», defendeu o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que pediu avances substanciais nesta materia máis alá de «anuncios cosméticos ou medidas aparenciais» como a gratuidade nalgunhas liñas de bus durante esta xornada.

Nese sentido, Igrexas propuxo incrementar as frecuencias de Vitrasa, diante da escasa oferta actual, e unha revisión do mapa de liñas para conectar de verdade o conxunto dos barrios e parroquias de Vigo. Ademais, pediu mellorar os enlaces con instalacións e servizos básicos, como as estacións de transporte, os centros médicos e o campus universitario, así como reforzar o bus nocturno, especialmente para a mocidade.

O edil nacionalista urxiu tamén un abaratamento permanente do prezo do billete que, segundo un estudo recente de Facua, está entre os máis caros das principais cidades do Estado español. «O Concello ten que facer un esforzo decidido para dotar a unha cidade metropolitana de preto de 300 mil habitantes como Vigo dun servizo de bus a súa altura», salientou, «para brindarlle a todas as viguesas e vigueses a oportunidade real de non verse obrigadas e obrigados a utilizar o coche para desprazarse na cidade».

O concelleiro do BNG reiterou a necesidade de facer unha aposta estratéxica pola mobilidade colectiva tamén como solución aos recorrentes problemas de atascos que padece a cidade, con até 46 horas ao ano de retencións en diferentes puntos da cidade. “É necesario e urxente apostarmos nun novo modelo de mobilidade máis eficiente, moderno e sustentábel en termos ecolóxicos que ten que pivotar nunha potenciación do uso de bus urbano”, demandou, de vez que cuestionou o modelo actual por funcionar sobre un esquema «obsoleto» do ano 1994.