O BNG de Vigo defenderá no Pleno unha moción en apoio da ILP para salvar e fortalecer a Atención Primaria

A fronte nacionalista traslada a proposta da plataforma SOS Sanidade Pública e chama a participar na manifestación nacional convocada o vindeiro 12 de febreiro en Santiago

O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno municipal de Vigo deste mércores unha moción en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) e da manifestación nacional convocada o vindeiro 12 de febreiro pola plataforma SOS Sanidade Pública. A fronte nacionalista reitera así a necesidade dunha «rectificación total das políticas da Xunta de Galiza que teñen nunha situación límite o sistema sanitario público».

“É evidente o deterioro da Atención Primaria provocado polas políticas de recorte e privatizacións impostas polo Goberno galego do PP”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que denunciou as longas demoras para conseguir unha cita médica na cidade, a masificación dos centros de saúde e do Punto de Atención Continuada (PAC) pola «falla de persoal, ademais das condicións de inestabilidade e brutal precariedade laboral das traballadoras e traballadores do Sergas».

O edil nacionalista asegurou que esta situación, con “consecuencias claras na saúde” das persoas, ten “causas e responsábeis concretos”. Tal e como recolle a proposta da plataforma SOS Sanidade Pública, «Galiza é a terceira comunidade do Estado con menor financiamento da Atención Primaria, con apenas un 14% do gasto sanitario total, menos orzamento do que había no ano 2009». Nese sentido, defendeu «incrementar estas partidas ata o 25%, tal e como recomenda a propia Organización Mundial da Saúde (OMS)».