O BNG de Vigo cuestiona a humanización de Samil por insistir en «cementar» a praia

A fronte nacionalista lamenta a decisión do Goberno local de iniciar as obras na avenida cando aínda están por resolver as alegacións ao proxecto de reforma do paseo, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica

O Bloque Nacionalista Galego cuestiona a humanización de Samil por insistir en “cementar” a praia viguesa. A fronte nacionalista advirte de que as présas de Abel Caballero para o inicio das obras na avenida, que veñen de ser aprobadas pola Xunta de Goberno local, poden comprometer a recuperación do areal cando aínda están por resolver as alegacións formuladas polo Bloque e colectivos veciñais e ecoloxistas ao proxecto de reforma do paseo, a cargo do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO)

“Carece de sentido avanzar nesta fase do proxecto, que é competencia do Concello, sen estar definida polo momento a obra de maior alcance para a reforma do paseo, que depende do Goberno español”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen alertou de que as alegacións poderían modificar parcial ou totalmente o proxecto do MITECO e, polo tanto, afectar as obras proxectadas a nivel municipal.

Nese sentido, Igrexas anunciou a presentación dunha batería de iniciativas no Congreso, a través do deputado nacionalista Néstor Rego, para esixir unha rectificación e reformular este proxecto para lograr a recuperación integral do areal de Samil, diante da falla de resposta do Executivo central.

“A proposta do Goberno español teima nun modelo fracasado que vai limitar o alcance da recuperación dunar”, denunciou o voceiro municipal do BNG. “Se insisten en cementar de novo a praia de Samil estaremos diante dunha grande oportunidade perdida para recuperar este ecosistema tan valioso”, engadiu.

Alternativas ao cemento

Dende a fronte nacionalista reiteraron que existen alternativas moito máis sustentábeis en termos ambientais, como as despregadas con éxito na recuperación da praia do Vao, que pasan por substituír o paseo por un sistema de pasarelas de madeira pivotadas. “A solución non pasa por recuar apenas 25 metros o actual paseo para construír un novo molote de cemento sobre a area como propón o Goberno central.”, dixo.

O portavoz municipal do BNG asegurou que aínda que Samil sexa unha praia urbana “o reto que temos como cidade é que deixe de ser unha praia urbanizada”. Así, rexeitou a pretensión de converter o paseo “nunha especie de rúa do Príncipe sen comercios e a pleno sol”.