A fronte nacionalista reprocha que o alcalde insista en “enterrar” o orzamento municipal en gastos inaugurábeis en lugar de destinar máis recursos fronte ao agravamento da crise

Censura o veto do PSOE á modificación orzamentaria proposta polo Bloque para despregar medidas ante a multiplicación da pobreza e os problemas de vivenda

Xabier P. Igrexas: «Este anuncio oportunista de Abel Caballero é unha tomadura de pelo e unha intolerábel frivolidade no actual contexto de empobrecemento que vive a cidade»

O Bloque Nacionalista Galego critica o anuncio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, dun crédito extraordinario de 25 millóns de euros. Desde a fronte nacionalista consideran unha «tomadura de pelo» esta decisión do Goberno municipal cando dos 120 millóns comprometidos para investimentos apenas estaban executados unha décima parte a metade de ano.

«Un 90% de fraude e de fume que constatan unha estratexia de promesas reiteradas de obras que nunca se chegan a facer», censurou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que este anuncio «oportunista» do rexedor insista en «enterrar» decenas de millóns de euros en gastos inaugurábeis en lugar de destinar máis recursos fronte ao agravamento da crise na cidade.

Igrexas cualificou de “frivolidade” este novo anuncio de investimentos mentres milleiros de fogares en Vigo teñen graves dificultades para afrontar os gastos básicos. Por ese motivo, chamou priorizar o uso do diñeiro público para atender as «necesidades reais» das viguesas e vigueses que, a xuízo do Bloque, non pasan por «grandes obras que poida inaugurar o candidato Abel Caballero» a poucos meses das vindeiras eleccións municipais.

O edil nacionalista lembrou que o propio PSOE vetou coa súa maioría absoluta unha modificación orzamentaria proposta en xullo polo BNG, neste caso destinada a despregar medidas para paliar os graves efectos da inflación e da actual carestía da vida. Entre elas, un aumento das partidas do Plan municipal de Emprego, do cheque social, das axudas de emerxencia, dun bono consumo para o pequeno e mediano comercio ou a gratuidade do bus urbano para persoas desempregadas ou beneficiarias de prestacións sociais.Afeou tamén a recente negativa do grupo socialista, durante o Pleno celebrado a comezos de setembro, a todas as medidas trasladadas pola fronte nacionalista para abordar un dos principais problemas sociais en Vigo como o acceso á vivenda.