O BNG de Vigo aposta por unha alternativa integral de Zona de Baixas Emisións fronte ao «modelo de sancións» de Caballero

A fronte nacionalista propón facer de toda a cidade unha ZBE co obxectivo de reducir o uso do vehículo privado, con alternativas que pasen por unha mellora do transporte público e pola promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal

Rexeita o proxecto do Goberno municipal de «importar unha mala copia do Madrid Central» que penaliza e discrimina ámbitos e persoas en función do tipo de vehículo

Xabier P. Igrexas: «Non se trata de cambiar coches de combustión por eléctricos nalgunhas zonas con prohibicións, senón de reducir o tráfico no conxunto da cidade»

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de presentar este mércores a súa alternativa integral para a implantación de Zona de Baixas Emisións (ZBE), unha proposta que contrapón co modelo restritivo en catro pequenos perímetros (Bouzas, Centro, Praza de Portugal e o Calvario) anunciado polo goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista propón facer de toda a cidade unha ZBE, mais sen aplicar restricións nin sancións por tipoloxía de vehículo, co obxectivo de reducir con carácter xeral o uso do coche, con alternativas que pasen por unha mellora do transporte público e pola promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal (VMP).

“Fronte a quen quere importar unha mala copia do Madrid Central e aplicar mecanicamente perímetros restritivos que discriminan ámbitos e persoas, o Bloque apostamos por facer do deseño da ZBE unha oportunidade para despregar un modelo de cidade máis habitáble e sustentáble”, defendeu en rolda de prensa o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou a falla de diálogo e transparencia do Goberno municipal na elaboración do proxecto.

O edil nacionalista asegurou que existen alternativas de maior eficacia que o modelo de limitacións e sancións de Caballero, “que discrimina ás persoas pola renda, porque non todo o mundo se pode permitir un vehículo eléctrico, e polo lugar de residencia”. Nese sentido, chamou a reordenar e democratizar o espazo público para dar prioridade, por esta orde, á mobilidade peonil, en bicicleta ou VMP e transporte público sobre o vehículo particular, reducindo o uso deste último aos tráficos necesarios.

Mellora do transporte colectivo

Entre as numerosas medidas recollidas na proposta do BNG, Igrexas destacou a “imprescindíble” mellora do transporte urbano colectivo, actualizando o “obsoleto” mapa de liñas de autobús, incrementando as “insuficientes” frecuencias, renovando a flota actual por vehículos de baixas emisións e abaratando as tarifas. De forma complementaria, apostou por estudar a posta en marcha dunha liña central desde Navia até Teis mediante algunha modalidade de transporte articulo eléctrico, como trolebús, tranvía ou metro lixeiro.

Nesa liña, Igrexas considerou necesaria unha mellor conexión das distintas terminais das estacións de tren, bus, transporte marítimo e o aeroporto de Peinador. Tamén reclamou a integración de Vigo, a través dun novo acordo coa Xunta, no plan de transporte metropolitano, a esixencia de máis frecuencias de media distancia ferroviaria e a cooperación con outras administracións para poñer en marcha unha rede de cercanías, que conecte Vigo polo norte con Pontevedra e polo sur con Tui.