O BNG de Vigo alerta de que o “chalaneo” de Caballero co concerto de Guns N’ Roses pode saírlle moi caro á cidade

A fronte nacionalista lamenta que “á falla de explicacións e depuración de responsabilidades políticas” polo escándalo do frustrado patrocinio publicitario se engada agora o risco de ter que indemnizar á promotora após se admitir a súa demanda xudicial contra o Concello

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero inda non aclarou que compromisos atinxiu na reunión que el en persoa mantivo cos máximos directivos da promotora do concerto días antes do envío dunha carta de interese prometéndolles case 2 millóns de euros”

O Bloque Nacionalista Galego reaccionou á admisión dunha demanda xudicial no contencioso administrativo contra o Concello de Vigo por causa do frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses, alertando de que o “chalaneo” de Abel Caballero na xestión deste asunto “pode saírlle moi caro á cidade”.

Así o manifestou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembra que o escándalo do concerto de Guns N’ Roses entra agora no ámbito xudicial despois de que Abel Caballero non fose capaz a día de hoxe de aclarar, «como o BNG esixiu desde o minuto un», que compromisos atinxiu na reunión que el en persoa mantivera cos máximos directivos da promotora do concerto apenas uns días antes do envío dunha carta de interese, asinada polo seu concelleiro de Festas, na que lle prometía case 2 millóns de euros. «Documento que desde a propia Asesoría Xurídica do Concello advertiron que podía constituír un precontrato e que despois deu paso á convocatoria dun falso concurso público para un presunto patrocinio publicitario, cunhas bases adhoc, que finalmente se anulou».

“Á falla de depuración de responsabilidades políticas engádese agora o risco de que o chalaneo do Goberno municipal, feito deliberadamente á marxe e en contra dos procedementos de licitación pública, pode acabar resultando en que o Concello teña que acabar pagando os preto de 2 millóns de euros que prometeu”, manifestou Igrexas. “Falamos de case o duplo de recursos dos que se destinan a financiar, por exemplo, o Plan de Emprego Municipal ou as axudas sociais do Concello”, acrecentou.

O portavoz municipal nacionalista lamentou que “a irresponsabilidade e as prácticas escandalosamente irregulares do Goberno local poden saírnos moi caras ás viguesas e vigueses” e considerou “indecente” que a estas alturas ningún ou ningunha responsáble municipal teña demitido nin sido cesado.