O BNG de Vigo alerta da insuficiencia de ambulancias do 061 na cidade

A fronte nacionalista denuncia que se están producindo demoras na atención de emerxencias sanitarias por falla de medios e esixe un “reforzo permanente e dimensionado” para unha cidade de 300 mil habitantes

A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, interpelará o conselleiro sobre esta situación

Xabier P. Igrexas: “Hai casos de xente agardando varias horas unha ambulancia do 061 con cadros de insuficiencia respiratoria, e iso é intolerábel”

O Bloque Nacionalista Galego denunciou a insuficiencia de ambulancias do servizo do 061, para a atención de emerxencias sanitarias na cidade de Vigo, o que combinado coa tempada estival e a grande incidencia da quinta vaga de contaxios de coronavirus, está limitando a capacidade de resposta asistencial.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que a cidade olívica xa padece un “défice estrutural” no que ten a ver coa dotación de ambulancias do 061. “Vigo dispón de só 3 ambulancias de soporte vital básico de día, doutras 3 pola noite, e só 2 de soporte vital avanzado. É claro que son insuficientes para atender as emerxencias sanitarias dunha cidade de preto de 300 mil habitantes”, alertou.

Esta carencia vén de se agudizar polo efecto da mobilidade en tempada estival e pola “brutal incidencia” que a quinta vaga da Covid19 está a ter na cidade e no conxunto da área sanitaria de Vigo, provocando “importantes demoras e atrasos para brindar unha atención que debera ser urxente e áxil”. “Temos casos de xente agardando varias horas unha ambulancia do 061 con cadros de insuficiencia respiratoria, e iso é intolerábel”, acrecentou.

Diante desta situación a única resposta por parte do Sergas foi optar por “reforzos puntuais” a través da contratación “discrecional de ambulancias privadas, con empresas que non garanten a dotación de persoal mínima para atender emerxencias sanitarias, como é o caso de Coexam, reiteradamente denunciada polas súas prácticas irregulares».

A deputada e portavoz de sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, anunciou que interpelará sobre esta cuestión ao conselleiro de Sanidade na súa comparecencia perante a cámara galega prevista para este martes. Desde a fronte nacionalista reclaman un “reforzo permanente que dote a cidade de Vigo das ambulancias necesarias para deixar de poñer en risco a saúde das persoas por falla de medios”. “Teñen que rectificar. Non se pode xogar con isto, porque nas emerxencias sanitarias os minutos son cousa de vida ou morte”, esixe Pérez Igrexas.