O BNG de Vigo acusa ao goberno de Caballero de ocultar o expediente urbanístico da licenza “ilegal” na rúa Porto Rico

Igrexas en una rueda de prensa.

O concelleiro da fronte nacionalista denuncia que o Goberno municipal négalle o acceso aos informes, vulnerando os seus dereitos como representante institucional

Xabier P. Igrexas: “Que é o que o alcalde non quere que saiba a cidade, que ten que ocultar? Desde logo algo cheira a podre no urbanismo de Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo acusa ao goberno de Abel Caballero de ocultar o expediente urbanístico da licenza “ilegal” outorgada nunha parcela da rúa Porto Rico. A fronte nacionalista denuncia a opacidade do Goberno municipal a respecto desta actuación, após ter solicitado o acceso íntegro aos informes o pasado 7 de decembro e superados os cinco días naturais fixados polo regulamento orgánico do Pleno para dar cumprimento ao requirimento.

“Supón unha clara vulneración dos meus dereitos fundamentais como concelleiro e representante institucional, o meu dereito fundamental de acceso á información que me recoñecen tanto o regulamento orgánico do Pleno, como a Lei de Administración Local de Galiza, a Lei de Bases de Réxime Local e mesmo a propia Constitución”, denunciou o edil e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Desde o Bloque cualificaron de “feito gravísimo” esta «ocultación» e interpelaron directamente sobre os motivos para non facilitar os informes. “Que é o que o alcalde non quere que saiba a cidade, que ten que ocultar?”, cuestionou Igrexas, que asegurou que “algo cheira a podre no urbanismo de Vigo”.

Diante desta situación, o concelleiro do BNG reiterou esta solicitude de acceso ao expediente advertindo a Caballero que esta “opacidade intoleráble en termos democráticos o único que alenta son as sospeitas das irregularidades a nivel urbanístico que se están a denunciar”.