O BNG de Vigo acusa a Caballero de “simular” a promoción de vivenda protexida para ocultar que non fixo ningunha desde 2007

O voceiro nacionalista, Xabier. P Igrexas.

A fronte nacionalista tacha de “lavado de cara” o anuncio do alcalde de axilizar no novo PXOM a promoción de 200 inmóbeis en Santa Cristina, o ámbito urbanístico con menor número de vivendas previstas de acceso social

Cuestiona a falla dun ente para desenvolvelas, após as reiteradas negativas do Goberno municipal de constituír a Axencia Local de Promoción de Vivenda Protexida proposta polo BNG

Xabier P. Igrexas: “Reclamamos menos xestos e un compromiso real e efectivo para promover vivenda protexida que permita resolver o grave problema que padece a nosa cidade”

O Bloque Nacionalista Galego acusa a Abel Caballero de “simular” a promoción de vivenda protexida en Vigo para ocultar que non fixo ningunha desde a súa chegada á Alcaldía en 2007. A fronte nacionalista tacha de “lavado de cara” o anuncio do alcalde prometendo axilizar no novo PXOM a promoción de inmóbeis en Santa Cristina-Parque Central de Servizos, o ámbito con menor número de vivendas de acceso social proxectadas no plan urbanístico.

“Estamos diante dunha xogada burocrática coa que o goberno de Abel Caballero quere xerar a simulación de que está facendo algo en materia de vivenda nunha cidade na que non moveu un dedo en 15 anos”, afeou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reiterou a demanda formulada polo Bloque no inicio da tramitación para avanzar na ordenación detallada dos 5 ámbitos destinados á promoción de vivenda protexida e non só o anunciado, que “non é demostración de ningún compromiso real”.

Así o reclamou o edil nacionalista na Xerencia de Urbanismo deste martes, onde cuestionou a elección do ámbito de Santa Cristina-Parque Central de Servizos (con 200 vivendas previstas) mentres deixa no caixón a planificación no Ofimático en Teis (con 1.600), en Cantabria-Ramón Nieto (con 700), en Severino Cobas (con 710) e Guixar (con 600). “Chama moito a atención que, das cinco figuras urbanísticas, o goberno de Caballero decida abordar só a que ten o menor número de vivendas”, salientou.

Igrexas preguntou tamén a través de que ente vai desenvolver o Concello de Vigo estas vivendas, após as continuadas negativas do Goberno municipal de constituír unha Axencia Local de Promoción de Vivenda Protexida, tal como vén propoñendo o Bloque nos últimos anos. A última ocasión, no Pleno municipal do pasado setembro, no que o grupo municipal do PSOE vetou as medidas do BNG para ofrecer solucións ante as crecentes dificultades en Vigo para acceder a unha vivenda a prezos asequíbeis.

Desde a fronte nacionalista lembraron neste sentido a promesa de Abel Caballero antes de acceder á Alcaldía de construír 6 mil vivendas protexidas na cidade das que, a día de hoxe, non se promoveu ningunha. “Pedimos menos xestos e simulacións administrativas e un compromiso real e efectivo para promover o acceso social á vivenda que permita resolver o grave problema que padece a nosa cidade”, urxiu o candidato do BNG en Vigo.