O BNG de Vigo acusa a Caballero de mentir sobre as pistas de atletismo de Balaídos para encubrir o seu abandono

O voceiro nacionalista, Xabier. P Igrexas.

Rexeita as «escusas» do Goberno municipal após a denuncia da fronte nacionalista pola situación insalubre das instalacións, cuxa titularidade e xestión corresponden ao Concello

O Bloque Nacionalista Galego acusa ao goberno de Abel Caballero de mentir sobre as pistas de atletismo de Balaídos para encubrir o seu abandono. A fronte nacionalista reacciona así ás «escusas» do Goberno municipal após a denuncia pública realizada polo Bloque este pasado luns alertando da situación insalubre dos vestiarios, aseos e espazos cubertos das pistas.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

«A reacción do Goberno municipal ratifica que esta situación é resultado directo do seu absoluto desleixo e da súa nefasta xestión», valorou o concelleiro do BNG e candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de «rotunda falsidade o argumento psicodélico»  do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, asegurando que as pistas son supramunicipais e non competencia do Concello.

«A única incompetencia que existe e que fica cada vez máis evidente é a do propio concelleiro, que con declaracións coma esta o único que provoca son dúbidas sobre se está en condicións de continuar á fronte da súa área», subliñou Igrexas, lembrando que a titularidade e a xestión das instalacións de Balaídos son «cento por cento municipais».

O edil nacionalista afeou tamén as declaracións do alcalde, Abel Caballero, por acusar ao BNG de «denostar» as pistas de atletismo por denunciar o estado no que se atopan. «O Goberno municipal pretende encubrir así a falla de resposta diante do continuado deterioro que padecen, o que lle reclamamos a Caballero é que deixe de tomarlle o pelo á cidade e que se poña de verdade a traballar para poñer solucións, porque os e as atletas de Vigo non merecen este castigo permanente».