O BNG de Vigo acusa a Caballero de bloquear o Debate sobre o Estado da Cidade por “covardía e autoritarismo”

A fronte nacionalista denuncia o “desprezo á pluralidade política e á democracia” do PSOE local por impedir a convocatoria deste debate proposto polo Bloque

Anuncia «unha campaña de axitación en redes sociais» co lema #AbelQueremosDebate ante a negativa do alcalde a «confrontar as diferentes alternativas políticas na cidade»

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero non foi capaz en todo o mandato de debater ningunha das propostas e iniciativas do BNG nin do resto de forzas da oposición”

O Bloque Nacionalista Galego acusa ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de impedir o Debate sobre o Estado da Cidade por “covardía e autoritarismo”. A fronte nacionalista denuncia que o PSOE local vén de bloquear na Xunta de Voceiros do Concello a posibilidade de convocar este debate, deixando fóra dos asuntos a tratar esta proposta realizada polo BNG o pasado 1 de xuño.

“Un debate como o que xa se celebra noutras cidades galegas e do Estado, mais a resposta por parte de Abel Caballero foi apenas balbucir nunha rolda de prensa que aquilo que propomos desde o BNG non lle importa nada”, recriminou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou esta réplica unha falla de respecto ás millares de viguesas e vigueses representados polo Bloque e unha evidencia da “covardía e do profundo talante antidemocrático” do rexedor.

“É claro que Abel Caballero ten medo ao debate”, afirmou Igrexas, que lembrou que o alcalde está permanentemente ausente nas sesión plenarias. “Non foi capaz en todo o mandato de debater ningunha das propostas e iniciativas do BNG nin do resto de forzas da oposición”, afeou o edil nacionalista.

Unha obriga política

O concelleiro do BNG insistiu en que o debate é “unha obriga política” para todas as forzas políticas e para o alcalde, ademais dun “dereito” de todas as viguesas e os vigueses a coñecer e contrastar as diferentes alternativas políticas. “Esta actitude lémbranos máis á Marbella dos anos 90 que o que se debera esperar de quen lidera o concello da maior cidade de Galiza”, criticou.

Igrexas lamentou este continuado “desprezo cara a pluralidade política” por parte do rexedor de Vigo porque, asegurou, “sabe que o seu proxecto só ten percorrido impoñendo o seu monólogo”.

Campaña de axitación en redes

Desde a fronte nacionalista anunciaron a posta en marcha dunha campaña de axitación en redes, baixo o lema #AbelQueremosDebate, co obxectivo de insistir na necesidade de máis debate en Vigo.

“A cidade merece debate, merece coñecer todos os puntos de vista para constatar que diante deste desgoberno, deste Goberno instalado na inercia, dun alcalde que ten por único proxecto político manterse indefinidamente no poder, existe unha alternativa en positivo, unha alternativa construtiva, sólida e solvente, con capacidade para darlle un novo impulso a esta cidade como é o proxecto do BNG”, explicou o edil nacionalista.