En relación ao pleno extraordinario sobre as irregularidades no frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses, celebrado a continuación da sesión ordinaria por decisión unilateral do alcalde, o portavoz municipal nacionalista cualificou de “insultante” o silencio do rexedor que, sorprendentemente, acudiu á sesión así como a falla de explicacións por parte do Goberno municipal.
“Por fin, despois de meses co alcalde fuxido e de intentos de impedir que puidésemos coñecer o que pasou, o Goberno municipal vai ter a oportunidade de explicar este escándalo”, afirmou Igrexas na súa intervención inicial.
No entanto, esas explicacións nunca chegaron. “Rematou o Pleno sen que Caballero aclarase se se reuniu ou non con directivos da promotora do concerto días antes da carta de interese na que o Concello lle prometía case 2 millóns de euros. Tampouco aclarou de que falaron nesa xuntanza privada. Pero o que é máis grave non lograron explicar porque convocaron un falso concurso público, cunhas bases ad hoc, para o patrocinio cando nunca utilizaran esa fórmula para ningún dos concertos realizados nos últimos 16 anos”, valorou Igrexas ao remate da sesión na que acusou directamente ao Goberno de “chalanear ao marxe dos procedementos de licitación para tentar meterlle case 2 millóns de euros de diñeiro público no peto dunha promotora privada”.

