O BNG critica que Caballero presuma do gasto millonario no ascensor HALO mentres mantén no abandono aos barrios de Vigo

A fronte nacionalista reclama máis investimentos nas parroquias e lembra que as necesidades da cidade son máis que grandes obras e inauguracións no centro

Denuncia que tres de cada catro promesas e anuncios son “propaganda”, diante da permanente inexecución orzamentaria do Goberno municipal

Xabier P. Igrexas: “Mentres o alcalde fachendea dese millonario ascensor de Star Trek, mantén un muro a medio caer durante máis de tres anos no Freixeiro ou segue sen dotar duns aseos á ETEA demandados desde hai seis”

O Bloque Nacionalista Galego critica que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumo do gasto millonario no ascensor HALO mentres mantén no abandono aos barrios. A fronte nacionalista lembra ao rexedor que as necesidades da cidade son máis que grandes obras e inauguracións no centro e reclama máis investimentos para as parroquias, que padecen a “permanente” inexecución orzamentaria do Goberno municipal.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que o mesmo goberno de Caballero que “volve fachendear dese millonario ascensor de Star Trek” —após colocar este martes a primeira pedra desta infraestrutura de case 13 millóns de euros — mantén un muro caído no barrio do Freixeiro desde hai máis de tres anos e segue sen dotar duns aseos á ETEA demandados pola veciñanza desde hai seis, entre outros exemplos da desatención continua dos barrios e parroquias da cidade.

Igrexas afeou o “atrevemento e o cinismo” do Goberno local, a quen acusou de facer “propaganda partidista con diñeiro público de todas as viguesas e vigueses” por presentar como humanizacións o que son “apenas asfaltados” de camiños. Nese sentido, o edil nacionalista demandou “menos propaganda e máis políticas reais” que atendan as necesidades de toda a veciñanza, tamén da que non reside na zona centro.  

Desde o BNG sinalaron como evidencia deste abandono a “permanente” inexecución dos orzamentos municipais. “Os datos do propio Concello de Vigo demostran como cada ano tres de cada catro euros comprometidos para investimentos volven quedar na caixa”, lamentou Igrexas. “Abel Caballero promete, anuncia, volve prometer e anunciar, pero as cifras amosan como tres de cada catro promesas que fai son puro fume”, remachou.