O BNG critica o veto do Goberno de Caballero ás 198 propostas para mellorar os orzamentos de 2026

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reprocha ao Goberno municipal o seu voto en contra das 198 emendas presentadas para introducir cambios nos orzamentos do Concello de Vigo para 2026. As propostas, defendidas este venres no Pleno de aprobación inicial, buscaban modificar unhas contas que a fronte nacionalista cualifica como continuístas e afastadas das necesidades reais da cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou que o Executivo local rexeitase todas as propostas, moitas delas nacidas dun proceso participativo co tecido asociativo e a veciñanza. Asegurou que a negativa non responde a criterios técnicos, senón políticos. As emendas nacionalistas sumaban case 31 millóns de euros en medidas destinadas a reforzar ámbitos como vivenda, política social, emprego, igualdade, barrios e parroquias, medio ambiente, servizos públicos, cultura, deporte e iniciativas para a mocidade.

Igrexas criticou que o alcalde, Abel Caballero, volva elaborar uns orzamentos “sen diálogo nin participación”, fronte ao proceso aberto pola fronte nacionalista. “Os recursos do Concello son de toda a cidadanía e non un instrumento para a política de anuncio permanente”, afirmou.

A inexecución como fondo do debate

O BNG sostén que a principal eiva das contas municipais non é só o seu deseño, senón a súa escasa execución. Igrexas lembrou que nos últimos anos se acumularon máis de 500 millóns sen gastar, cunha previsión de outros 98 millóns este exercicio. Para o portavoz, esta situación evidencia “falla de xestión” e unha desconexión coa realidade dos barrios e parroquias.

Por este motivo, as emendas nacionalistas procuraban un cambio profundo no rumbo das políticas municipais, apostando por unha cidade “máis xusta, verde, habitábel e con mellores servizos públicos”.

Vivenda, política social e igualdade

Entre as propostas destacaban o incremento das axudas sociais municipais ata os 2,6 millóns, a ampliación do Plan Municipal de Emprego e diversas medidas para afrontar o problema da vivenda: un Plan Facilitador do Alugueiro, un programa de alternativas habitacionais para persoas en risco de desafiuzamento e máis recursos para a futura Empresa Municipal de Vivenda.

O BNG tamén reclamaba reforzar as políticas feministas, incrementando partidas para o Plan de Igualdade, campañas contra a violencia machista e programas de apoio ás mulleres. Igrexas lamentou que mentres estes fondos minguaron, se incrementaron de maneira notable os gastos en iluminación e ornamentación.

Un modelo de cidade máis verde e con mellores servizos

As nacionalistas defenderon un paquete de medidas para mellorar barrios e parroquias, impulsar un plan de mantemento de beirarrúas, activar orzamentos participativos e apoiar os cascos históricos. No ámbito ambiental, propuxeron avanzar na resposta á emerxencia climática, poñer en marcha o Anel Verde, mellorar os parques forestais, crear unha Oficina Municipal de Enerxía e promover a protección do arboredo.

Tamén reclamaron melloras no transporte público e a creación dunha empresa municipal de servizos para estudar a remunicipalización de áreas como a limpeza, o abastecemento de auga ou o mantemento de zonas verdes.

Cultura, deporte e mocidade

O Bloque denunciou que tres ámbitos “esenciais” viven un retroceso nos últimos anos: cultura, deporte e políticas xuvenís. Entre as súas propostas culturais incluían a recuperación de programas municipais, novas iniciativas literarias, festivais internacionais e unha Fábrica Cultural en Teis. Ademais, apostaban por reforzar a promoción da lingua galega.

No deporte, pedían máis recursos para instalacións en mal estado, a reforma da pista de atletismo e a creación de novos espazos como un campo de béisbol e outro de rugby. Para a mocidade, reclamaban recuperar espazos e iniciativas pechadas nos últimos anos e impulsar políticas que garantan acceso a vivenda e emprego.

Igrexas concluíu defendendo un novo modelo de cidade, “construído entre todas e para todos”, fronte ao que considera un proxecto municipal esgotado.