O BNG critica a nova prórroga a Vitrasa e reclama a remunicipalización do transporte urbano en Vigo

Igrexas acusa ao Goberno local de premiar á concesionaria con dous anos máis de negocio mentres a cidade sofre un servizo “recortado e deficiente”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo arremeteu este venres contra a decisión do Goberno municipal de Abel Caballero de aprobar unha nova prórroga forzosa e extraordinaria da concesión do transporte urbano a Vitrasa. A medida, acordada pola Xunta de Goberno local, estenderá a presenza da empresa á fronte do servizo durante dous anos máis, unha decisión que os nacionalistas cualifican de “agasallo” e “lesiva para os intereses da veciñanza”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que esta ampliación súmase aos cinco anos xa prorrogados anteriormente coa escusa da pandemia, e advertiu que “Vitrasa seguirá explotando un servizo público esencial nas mesmas pésimas condicións actuais”.

Un servizo recortado e sen horizonte claro

Desde o BNG critican tamén o cambio de discurso do alcalde, que “hai só unhas semanas aseguraba que a nova concesión estaría operativa o 1 de xaneiro de 2026 e agora xa se admite que non será antes de xuño dese ano, e veremos se nesa data”, ironizou Igrexas.

A fronte nacionalista reclama a recuperación inmediata das máis de 250 frecuencias diarias recortadas dende a pandemia, recortes que, segundo afirman, precarizaron o servizo coa complicidade do Goberno municipal. Igrexas lembrou que o transporte urbano é “un servizo público esencial para moitos millares de viguesas e vigueses” e destacou o seu papel clave na mobilidade sostible da cidade.

Remunicipalización como alternativa

Fronte a esta situación, o BNG propón unha solución estrutural: a remunicipalización do servizo. Igrexas defende que “é o momento de aproveitar este limbo provocado pola ineficacia do Goberno para crear unha empresa municipal que xestione directamente o transporte urbano, como xa fan outras cidades de Galicia, do Estado e de Europa”.

“Que esta prórroga a Vitrasa sexa o derradeiro punto e final a un modelo privatizado que foi un pésimo negocio para a cidade e que só beneficiou á empresa”, reclamou o portavoz nacionalista.

O BNG conclúe que Vigo necesita un servizo de transporte “moderno, eficiente e plenamente público, que responda ás necesidades reais dunha cidade con 300.000 habitantes e non se limite a enriquecer a uns poucos”.