O BNG critica a “frívola disputa” pola sede da Deputación en Vigo e pide destinala ao Centro Galego de Fotografía

Carmela Silva en la sede de la Diputación en Vigo.

A fronte nacionalista formula emenda á moción do PP para demandar que o inmóbel da rúa Chao acolla o proxecto para o que naceu e no que se investiron 2 millóns de euros

Reitera a alternativa proposta en outubro de 2019 para que o ente provincial se traslade á antiga casa reitoral, na rúa San Vicente

Xabier P. Igrexas: “Hai moitos problemas que merecen dunha maior atención que a pelexa entre Marta Fernández-Tapias e Carmela Silva por quedar cun vistoso despacho”

O Bloque Nacionalista Galego critica a “frívola disputa” entre PP e PSOE pola sede da Deputación provincial en Vigo e pide destinala ao Centro Galego de Fotografía. A fronte nacionalista vén de formular emenda á moción do PP, que será debatida no vindeiro Pleno municipal, para demandar que o inmóbel da rúa Chao acolla este proxecto para o que se investiron 2 millóns de euros, baixo o impulso do BNG, e que foi inaugurado en 2015 e abandonado posteriormente polo Goberno de Abel Caballero.

“A disputa entre o PP e o PSOE sobre o uso da actual sede da Deputación é un exemplo máis do nivel de frivolidade co que uns e outros enfrontan as necesidades da cidade”, reprochou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, diante da pelexa aberta entre a actual vicepresidenta do ente provincial, a popular Marta Fernández-Tapias, e anterior presidenta, a socialista Carmela Silva, polo uso deste céntrico edificio, de titularidade municipal, no Casco Vello.

Igrexas afeou que o PP queira dedicar a súa moción no primeiro Pleno do mandato a “discutir por un vistoso despacho” en lugar de devolverlle este inmóbel á cidade. “O BNG mantemos a mesma posición dende un primeiro momento: ten que ser destinado ao proxecto para o que naceu, a sede do Centro Galego de Fotografía”, defendeu o voceiro nacionalista.

“Este proxecto impulsado polo BNG entre os anos 2011 e 2015 acabou abandonado polo desprezo e pola política de desertización cultural que practica o Goberno de Abel Caballero”, lamentou Igrexas, quen chamou a recuperar este “grande espazo cultural” para acoller os importantes fondos fotográficos dos que é titular o Concello de Vigo, como o arquivo Pacheco, parte do arquivo Llanos e de diferentes edicións da Fotobienal.

Alternativa para a sede provincial

Sobre a sede da Deputación provincial en Vigo, o voceiro do BNG insistiu na alternativa proposta dende outubro de 2019 para que se traslade á antiga casa reitoral, na rúa San Vicente, que acolleu a primeira aula UNED da cidade. “Un espazo perfectamente digno, coas condicións necesarias para albergar unha sede administrativa”, valorou. No entanto, Igrexas reafirmou a posición do BNG a respecto do ente provincial de avanzar cara a súa desaparición. “O noso papel nas Deputacións é o de ir baleirando o seu contido para transferir os recursos aos concellos, que son quen xestiona e atende as necesidades da cidadanía”, afirmou, de vez que cuestionou o interese de populares e socialistas por alimentar estas “cascas institucionais para que a presidenta de turno teña un palacete ao seu servizo co que facer a súa particular carreira”.