O BNG compromete 5 novas escolas infantís da Xunta en Vigo: “Hoxe 2 de cada 3 solicitudes quedan sen praza”

A fronte nacionalista avanza a ampliación da rede pública de escolas infantís de Galicia co compromiso de crear mil novas prazas no primeiro ano dun Goberno de Ana Pontón

Asegura o sostemento das 9 escolas infantís municipais en Vigo con financiamento do Goberno galego e a posta en marcha dun servizo de coidado de menores a domicilio

Brais Ruanova: “Este compromiso está avalado polos feitos, pois foi a acción de goberno do BNG desde a Xunta quen multiplicou por cinco a rede pública de escolas infantís”

O Bloque Nacionalista Galego compromete 5 novas escolas infantís públicas da Xunta en Vigo para poñer fin á “escasa oferta” que «deixou nos últimos anos 2 de cada 3 solicitudes sen praza na cidade». A fronte nacionalista avanza así a ampliación da rede pública de escolas infantís co compromiso de «crear mil novas prazas en Galicia no primeiro ano dun Goberno presidido Ana Pontón».

“As escolas infantís de 0 a 3 anos xogan un papel fundamental para permitir a conciliación laboral, sendo un recurso imprescindíbel para un cada vez maior número de familias da nosa cidade”, destacou o candidato vigués do BNG, Brais Ruanova, acompañado do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e do concelleiro, Filipe Abalde.

Ruanova garantiu que un novo Goberno galego iniciará este ano a elaboración dos proxectos para construír novas escolas infantís nos barrios de Travesas, Balaídos, Navia, Casco Vello e Travesía de Vigo, na liña das propostas realizadas polo BNG nas súas emendas aos Orzamentos galegos para este ano e que, «máis unha vez, foron rexeitadas polo PP».

O candidato nacionalista puxo como aval deste compromiso a «Rede de Galescolas (hoxe Galiñas Azuis) promovida durante a etapa de goberno do Bloque na Xunta cun total de 121 centros o que supuxo daquela multiplicar por 5 a rede pública existente”. Nese sentido, lembrou que hoxe na cidade a Xunta ten 9 escolas infantís, mentres as privadas son máis de 30. “A escasa oferta pública provocou que neste curso 2023-2024 preto de 300 crianzas viguesas que non obtiveron praza nas escolas infantís da Xunta”, afeou Ruanova.

A respecto das escolas infantís municipais, comprometeu tamén financiamento público desde o Goberno galego para o seu funcionamento e sostemento. Ademais, anunciou a posta en marcha dun servizo público de coidado de menores a domicilio para atender as necesidades de conciliación de natureza extraordinaria desde os 4 meses até os 12 anos. “Son propostas concretas e compromisos sólidos que deixan claro que unha Xunta de Galicia presidida por Ana Pontón fará dos coidados e da atención das nosas crianzas unha verdadeira prioridade pública”, salientou o candidato do BNG.

Enfraquecemento dos servizos públicos

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo enmarcou este déficit de escolas infantís na política de “total abandono” da Xunta coa maior urbe galega durante os últimos 15 anos. “O PP dixo non durante a última lexislatura a aumentar en máis de 400 millóns de euros os investimentos na nosa cidade, como reclamamos o Bloque, o que se notou especialmente no enfraquecemento dos servizos públicos”, valorou.

Por contra, Igrexas garantiu que un Goberno galego presidido por Ana Pontón será un “grande aliado da cidade” con políticas que poñan as persoas e facendo dos coidados unha gran tarefa pública. “As viguesas e vigueses temos este 18 de febreiro a oportunidade de empurrarmos un Goberno galego que atenda as necesidades reais da nosa cidade e despregue enérxicas políticas públicas en favor da maioría social”, remachou.