O BNG chama a Concello e Xunta a deixar a “lea partidista” e corrixir os graves defectos do novo PXOM de Vigo

Vista aérea de Vigo.

A fronte nacionalista critica que o Goberno de Caballero insista na “falla de transparencia” e considera “moi preocupantes” algúns dos reparos trasladados polo Goberno galego

O Bloque Nacionalista Galego chama ao Concello de Vigo e á Xunta de Galiza a deixar a “lea partidista e a frivolidade” na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A fronte nacionalista tacha de “irresponsáble” que PSOE e PP usen tamén este documento de enorme importancia para a cidade como “arma partidista no seu pimpampum permanente no que quen perde sempre é Vigo”.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Que se poñan a traballar, uns e outros, con rigor e deixen de xogar co futuro urbanístico da maior cidade de Galiza”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación ao intercambio de acusacións das últimas semanas entre ambas administracións para a aprobación definitiva do Plan Xeral.

Igrexas lamentou nese sentido que o Goberno de Abel Caballero insista na “falla de transparencia” na tramitación do PXOM, despois de que se coñecera a través dos medios de comunicación o requirimento remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo o pasado 26 de febreiro. “Non ten explicación, nin moito menos xustificación, que non se teña informado no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo cando o Bloque interpelamos a María José Caride sobre esta cuestión na sesión do día 27”, reprochou.

O portavoz nacionalista insistiu na necesidade que a equipa redactora compareza para explicar “coa máxima transparencia” o estado da tramitación do documento. En particular, considerou “moi preocupantes” algúns dos reparos trasladados desde a Xunta que confirman a “falla de rigor” por parte do Goberno municipal. “Reparos que atinxen a cuestións tan importantes como a integridade documental do expediente o que pode comprometer, como xa advertimos reiteradamente, a seguridade xurídica do novo Plan Xeral”, alertou.

Oportunidade para corrixir os graves defectos do novo Plan Xeral

Por estes motivos, dende o BNG ven a tramitación que resta até a aprobación definitivo, para o que se precisa o informe preceptivo e vinculante da Xunta, como unha “oportunidade para corrixir os graves defectos” do novo PXOM. “Un documento que foi elaborado na escuridade dos despachos, de costas á veciñanza e desatendendo as alegacións de maior relevo da cidadanía e de diferentes colectivos sociais”, subliñou.

Igrexas lembrou que o Bloque deixou clara a súa posición sobre o novo Plan Xeral co seu voto en contra na aprobación provisional do documento. “Non é o PXOM que necesita Vigo”, manifestou, detallando algúns dos elementos rexeitados pola fronte nacionalista como un modelo urbano que “castiga os barrios e parroquias”, que “alimenta a especulación” legalizando pelotazos como os chalés VIP en Cabo Estai, que non resolve o problema de acceso á vivenda, que insiste en cementar Vigo con macroviais “innecesarios” que van tronzar o rural vigués, que amplía de forma “inxustificada” o solo industrial en ámbitos xa prexudicados como Matamá ou Valadares ou que renuncia a un novo modelo de mobilidade onde as persoas gañen espazo aos coches na cidade.

“O BNG seguimos defendendo que Vigo precisa dun novo PXOM si, pero dun Plan Xeral de toda a cidade e para toda a cidade, con diálogo, con participación e con consenso”, remachou o portavoz nacionalista.