O avance das obras de humanización na contorna de Balaídos implica modificacións no tráfico

La Grada de Río.

Abel Caballero explicou que “estamos realizando unha gran humanización no exterior das gradas de Tribuna e Marcador Centenario”, que provocarán “a alteración do tráfico”

“Os vehículos que proveñan de Pablo Iglesias e Manuel de Castro terán que circunvalar o estadio por rúas como Olímpicos, Avenida de Citröen e Val Miñor”, anunciou o alcalde da cidade, para expresar que “estamos realizando unha humanización moi importante na zona” que se encontra na fase de“formigonado”. A previsión era que os traballos estiveran rematados para o partido do Celta- Real Madrid”, que se celebra o sábado 19 de outubro e, aínda que as adversidades meteorolóxicas supoñen un obstáculo, o Concello prevé ter unha parte moi importante das obras listas.

O rexedor destacou que se trata dunha actuación “nunha zona altamente habitada”, polo que “queremos que teñan unha boa humanización”. En toda a contorna “imos a recuperar, para os peóns, o espazo que ata agora se utilizaba de aparcadoiro”, xa que é un espazo “para a xente e o seu goce”.

A inversión total é de 1.831.856 euros e incluirá melloras como a instalación dunha nova marquesiña para a parada do autobús e un novo photocall co nome do Estadio Municipal de Balaídos. Caballero detallou que se renovará a rede de iluminación e o mobiliario urbano, e que a zona contará cunha rede de rega por goteo. Finalmente, as actuacións tamén implicarán a reposición da rede de pluviais coa finalidade de abordar a solución para os problemas que provocan as inundacións, así como a instalación de sumidoiros nos desniveis entre o pavimento peonil e o rodado para que poidan reter auga, ademais da instalación de novos tubos de pluviais con maior capacidade que os actuais.