O Álvaro Cunqueiro recibiu a un centenar de estudantes de Enxeñaría Biomédica

Os 105 estudantes de 2º e 3º curso deste grao universitario cursarán no hospital varias asignaturas completas

Esta formación universitaria está orientada á investigación e desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica, así como noutros campos das medicina como a Telemedicina, a Xestión sanitaria e equipamento

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo deulle  a benvida oficial  aos 105 estudantes de 2º e 3º Curso do Grao de Enxeñería Biomédica da Universidade de Vigo que recibirán parte da súa formación no Complexo vigués.

Na presentación oficial, presidida polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente e a directora Asistencial, Susana Cerqueiro, tamén participaron o director da Escola Enxeñaría, Juan Pardo; o coordinador de grao, Juan Pou;  así como o coordinador de docencia de Pregrao da Area Sanitaria, o doutor Alberto Fernández Villar.

A Enxeñaría Biomédica aplica os principios da enxeñaría ás ciencias da vida. Esta disciplina combina  os criterios de deseño en enxeñería e as ferramentas de análise das ciencias para resolver problemas en medicina, bioloxía, biotecnoloxía ou farmacia. Así, esta formación universitaria está orientada á investigación e ao desenvolvemento de equipos electrónicos utilizados nos centros sanitarios para o diagnóstico e a práctica clínica así como noutros campos da medicina como a Telemedicina, a Xestión sanitaria e Equipamento.Isto é, trátase de aplicar os principios e coñecementos da enxeñaría industrial, da telecomunicación e informática ao campo da medicina e da tecnoloxía de produtos sanitarios.

Cinco asignaturas completas no hospital

A partir do 2º curso, os alumnos e alumnas cursarán 5 asignaturas completas -teoría e práctica- no hospital: Estrutura e Patoloxía Médica e Estrutura e Patoloxía Cirurxía (en 2º curso); Enxeñería Clínica e Hospitalaria, e Fundamentos da Tecnoloxía Hospitalaria (en 3º curso); e Tecnoloxía  Hospitalaria en cuarto.