O Álvaro Cunqueiro primeiro hospital europeo en  reportar dobre reemprazo valvular a través de catéter

Os servizos de Cardioloxía, Cirurxía Cardíaca e Anestesioloxía participaron neste caso, no que se cambiaron as válvulas mitral e tricúspide do corazón de forma percutánea, sen necesidade de abrir o peito

Os servizos de Cardioloxía, Cirurxía Cardíaca e Anestesioloxía da Área Sanitaria de Vigo veñen de reportar, por primeira vez en Europa, un dobre reemprazo valvular no corazón de xeito percutáneo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

A paciente tratada con este procedemento minimamente invasivo, unha muller de 71 anos con insuficiencia cardíaca, está dada de alta e presenta unha evolución favorable.

Este caso, que foi presentado pola cardióloga Berenice Caneiro no Congreso internacional de Cardioloxía Intervencionista celebrado en Barcelona, resultou elixido gañador como “Mejor caso en intervencionismo estructural”  de entre os 60 casos expostos.

Sen abrir o peito

A intervención consistiu  en cambiar as dúas válvulas da paciente, mitral e tricúspide, que non estaban realizando a súa función correctamente, de xeito totalmente percutáneo.

Segundo afirma a doutora Berenice Caneiro “o feito diferencial deste caso radica en que é a primeira vez en Europa en que se realiza nunha mesma paciente o recambio de dúas válvulas transcateter, aínda que en tempos diferentes. Ata agora, para substituír estas válvulas requiríase dunha cirurxía convencional, a corazón aberto, o que supón abrir o esternon e, moitas veces, parar o corazón do paciente como na cirurxía extracorpórea”.

Nesta paciente, a substitución da mitral realizouse por medio de acceso transapical, introducindo o catéter a través da punta do ventrículo esquerdo, cun pequeno orificio entre as costas. O cambio da tricúspide efectuouse a través da vea xugular.

Estas novas técnicas cirúrxicas minimamente invasivas evitan abrir o peito e parar o corazón, polo que resultan  menos agresivas. Nembargantes, aínda están en fase de desenvolvemento e non resultan unha opción para todos los pacientes.  É necesario que estudar caso por caso para determinar cal resulta a mellor opción para cada paciente.

“Estamos moi satisfeitos con este caso e con este premio, que foi posible grazas ao traballo en equipo e á colaboración multidisciplinar entre os servizos de Cardioloxía, Cirurxía cardíaca e Anestesioloxía do noso centro”, afirma a doutora Caneiro.

Publicación en revistas internacionais

Este caso ten xerado moitas expectativas no ámbito da cardioloxía intervencionista e nestes momentos os especialistas xa están preparando varios artigos que vanse publicar nos próximos meses en revistas científicas internacionais da especialidade.

O servizo de Cardioloxía do Alvaro Cunqueiro conta con 3 equipos de Hemodinámica dedicados ao intervencionismo coronario e estrutural, que abarca unha serie de procedementos para as cardiopatías conxénitas e adquiridas, nas que se inclúen as enfermidades valvulares, obstrucións arteriais e venosas, ecétera. Este servizo realiza uns 2.000 procedementos diagnósticos e terapéuticos anuais.

Neste senso, o Álvaro Cunqueiro conta con gran experiencia nos implantes cardíacos transcatéter, o que supoñen un gran avance para os pacientes, que se poden beneficiar dun tratamento eficaz e seguro, sen as complicacións inherentes á cirurxía convencional.