O Álvaro Cunqueiro foi un dos catro hospitais europeos participantes nun proxecto de telemedicina transfronteriza

O Sergas, a través do Nodo de innovación e do servizo de Urxencias, participou nun simulacro para validar a nova plataforma de comunicación sanitaria europea desenvolvida por Portugal 

A nova plataforma ten por obxecto a comunicación directa entre facultativos de distintos países para compartir datos claves da historia clínica dos pacientes estranxeiros de xeito seguro

O Álvaro Cunqueiro foi un dos catro hospitais europeos que participaron no proxecto de Telemedicina Transfronteriza- Eliminando barreiras, cara a unha telesaúde global na Unión Europea.

Neste senso, o Sergas, a través do Nodo de Innovación de Vigo e en colaboración cos profesionais do servizo de Urxencias do Hospital, presentaron un escenario de uso para a proba de concepto realizada e na que interviron 3 países: Irlanda, Suecia e España.

Este programa enmarcase nun dos obxectivos da presidencia portuguesa do Consello da Unión Europea: promover a cooperación entre os estados membros no ámbito da saúde, con foco nas ferramentas dixitais e no e-health.

O obxecto era chequear a viabilidade e eficacia dunha nova plataforma de comunicación entre facultativos de diversos países europeos e coordinada por Portugal, para que os médicos poidan compartir os datos clínicos dun paciente que teña sufrido un episodio clínico mentres se encontra nun país estranxeiro.

Simulación

Así, desde a Área Sanitaria de Vigo realizouse unha simulación de asistencia a un cidadán portugués que presentaba un episodio de convulsións e perda de conciencia durante unha visita a Vigo. Unha vez no servizo de Urxencias, o médico encargado da súa asistencia, a través da nova plataforma de comunicación sanitaria europea transfronteiriza, contactou  co hospital de referencia do paciente en Portugal, o Hospital Sao Sebastiao en Santa María da Feira, e recibiu información directa vía videoconferencia do seu neurólogo.

O facultativo de Urxencias que participou neste simulacro foi Ismael Said, que valorou moi positivamente esta iniciativa “xa que garante que os cidadáns europeos poidan recibir coidados seguros cando estean no estranxeiro, fóra do seu país. Cando os médicos atendemos a un paciente estranxeiro e necesitamos coñecer os seus datos da historia clínica, poderemos obtelos a través dunha comunicación directa co facultativo de referencia deste paciente, axudándonos a mellorar a seguridade e a calidade dos seus coidados”.

Atención global sen fronteiras

A simulación, gravada en vídeo, foi presentada polo Serviço Nacional de Saúde Portugués como un caso de éxito no “eHealth Summit”, un dos maiores eventos de saúde dixital en Europa, que vén de celebrarse en Lisboa. No mesmo, representantes do Sergas e o propio Ismael Said tamén participaron nas mesas de debate xunto cun panel de expertos europeos.

Segundo explica o coordinador do Nodo de Innovación, Daniel Simón, “agardamos que esta proba de concepto, unha vez demostrada a súa validez e utilidade, se siga desenvolvendo, achegándonos cada vez máis a un futuro de Saúde Dixital Interconectada, onde poidamos ofrecer aos usuarios unha atención global más aló das fronteiras, baseada na comunicación e na colaboración entre profesionais dos diferentes países membros da Unión Europea”.