A actividade enmárcase no proxecto RELEVO 2, unha iniciativa de carácter formativo promovida por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro

O programa RELEVO 2 busca trasladar ao estudantado, de forma amena, dinámica e práctica, as posibilidades que ofrece o sector pesqueiro para que os mozos e mozas sexan coñecedores no que deben formarse para entrar a formar parte do sector e constituír o verdadeiro relevo xeracional. Trátase dunha iniciativa promovida por seis Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, entre eles o GALP Ría de Vigo-A Guarda.

No marco deste proxecto, o alumnado do IES Ricardo Mella de Vigo achegouse ao Porto de Vigo, que supón un potente motor económico para a cidade e a súa área, xestionando un tráfico de mercadorías de algo máis de catro millóns de toneladas. Durante a súa visita, puideron afondar na súa actividade da man da Autoridade Portuaria, que está a piques de cumprir 140 anos como organismo responsable da súa xestión. A continuación, a rapazada coñeceu o labor que desenvolven desde a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), unha entidade que contribúe a que o sector pesqueiro sexa un baluarte da economía galega desde hai máis de 50 anos e na que se traballa a prol da sostibilidade e a innovación no sector pesqueiro.

No territorio do GALP Ría de Vigo – A Guarda participan un total de 13 centros de ensino de secundaria e de aquí a final de curso están previstas máis saídas do alumnado a outras instalacións e tamén sesións de aula con profesionais do sector.

O GALP participa nun encontro sobre pesca artesanal en Cádiz Representantes da confrarías de Cangas, Vigo e Baiona, xunto á xerente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, Elena Herbello, participan estes días no Encuentro Internacional Pesca Artesanal de Pequeña Escala en Conil de la Frontera, en Cádiz. O obxectivo deste foro é promover o Ano Internacional da Pesca e a Acuicultura Artesanais 2022, contribuíndo á súa vez a destacar as contribucións da pesca artesanal ao desenvolvemento sostible cumprindo cos obxectivos de desenvolvemento sostible incluídos na Axenda 2030.