Abel Caballero visitou este xoves, xunto ao delegado do Consorcio da Zona Franca en Vigo, David Regades, o inicio das obras de remodelación do aparcamento que pasará de ser robotizado a convencional
O rexedor felicitou a Zona Franca pola decisión de transformar o aparcamento da Laxe nun convencional “máis utilizable, cómodo, eficiente, nun lugar tan sensible na cidade, onde se precisan estas prazas”, tendo en conta que a cidade vai ser cada vez máis para camiñala e, principalmente, considerando que Vigo “é hoxe unha potencia turística e temos que ser capaces de ir xerando infraestruturas para acoller os millóns de visitantes” que chegan á cidade.
David Regades explicou que as obras permitirán dotar o aparcamento de 184 prazas “nunha zona de alta demanda da cidade, tanto da veciñanza, como de usuarios do náutico, hostalería e comercio”.
O orzamento da obra acada 1,6 millóns de euros e a previsión é que estea rematada no mes de marzo de 2023.

