O alcalde valora a reforma do Paseo de Bouzas como “a obra máis importante da historia de Bouzas”

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación, por procedemento aberto, das obras de execución do proxecto de rexeneración da fronte marítima de Bouzas cun orzamento de 3.759.000 euros

Abel Caballero detallou en rolda de prensa as actuacións previstas ao longo de medio quilómetro, desde a Igrexa ata a Ponte da VG-20, é dicir, en toda a fronte marítima de Bouzas, nunha superficie de 8.000 metros cadrados.

Amosando un plano do proxecto, o alcalde explicou que toda a superficie renovada será de madeira, formando un paseo brando, xa que se substitúe a pedra por madeira, realizaranse diferentes baixadas á praia con tres zonas de escaleiras de acceso e cinco grandes zonas de hostalería con pérgolas de madeira e verde na parte superior, ao estilo das executadas na zona de Ronda don Bosco.

Na parte próxima aos edificios, manterase unha pequena franxa de granito, acorde aos edificios na superficie que abrangue ata a metade do paseo aproximadamente. Nesta zona, o Concello instalará iluminación vertical en todos os edificios e haberá unha gran novidade: onde estaba o paseo de madeira voladizo, que houbo que pechar polo seu deterioro, instalaranse bancadas de acceso ao mar. Trátase dunha zona duns 250 metros de bancada escalonada que permitirá tomar o sol e acceder ao mar. Segundo explicou Caballero, este deseño de escaleiras e gradas que “é unha revolución” foi tomado partindo do exemplo das praias fluviais do Sena.

Amais, instalarase iluminación ao mar desde o paseo de madeira, que vai combinarse con zonas axardinadas e cunha zona de información con paneis explicativos sobre a historia do mar e da praia en Bouzas. “Un paseo visualizando o mar, zona tranquila, de paseo brando, con hostalería para grupos e familias, con luces resaltando edificios”. Para o alcalde esta é a “obra máis importante da historia de Bouzas, que sufriu moito co recheo e temos que facer un Bouzas atractivo para a xente, humano e humanizado. É o que queremos facer”.

1,5 millóns de euros para a mellora do túnel de Beiramar

A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación por procedemento aberto das obras de mellora da instalación do túnel de Beiramar por un importe de 1,5 millóns porque “neste momento é seguro pero queremos incorporar os mellores sistemas de seguridade que existan para túneles”.

Tal e como expuxo o rexedor, o proxecto que executará o goberno de Vigo inclúe a instalación dun novo sistema de iluminación de emerxencia, cun novo cableado de iluminación resistente ao lume, a substitución dos detectores de fumes por cables sensores para a detección rápida en caso de incendios, a renovación da sinalización das saídas de evacuación, a colocación de portas resistentes ao lume. Amais incorpórase un sistema de megafonía de emerxencia e sistemas de control de tráfico con barreiras exteriores e paneis de mensaxería e van integrarse todos os novos equipamentos no centro de control do Concello, de xeito que vai estar controlando desde alí.