O alcalde valora a “enorme complexidade técnica” da obra de ampliación da ETAP do Casal

Durante a visita ás obras de ampliación da Estación Potabilizadora de Auga de Vigo, Abel Caballero avanzou que a previsión municipal é que estea en funcionamento o vindeiro outono

Cun orzamento de 22,8 millóns de euros, “a obra marcha extraordinariamente ben” malia presentar unha “enorme complexidade técnica tanto pola tecnoloxía empregada como pola necesidade de compatibilizar o uso entre a nova e a vella potabilizadora durante o desenvolvemento da obra. Segundo explicou o rexedor, a previsión é que o novo sistema estea en probas o vindeiro mes de abril, de xeito que no outono de 2023 a potabilizadora estará en funcionamento.

O alcalde visitou este xoves o edificio de reactivos de depuración, de tres plantas, cun novo sistema de filtros de altísima tecnoloxía que permitirá a “ultrafiltración” que dará como resultado “unha auga potabilizada de elevadísima calidade”. O sistema permite detectar “ínfimas partículas” na auga polo que se ve incrementada a capacidade de depuración do sistema. Amais desenvolveranse as obras de rehabilitación do edificio do laboratorio ambiental e a urbanización da parcela coa adecuación dos espazos á nova instalación.

O custo da obra, tal e como explicou Caballero, non se repercutirá na cidadanía porque non subirá o recibo da auga. A ampliación da potabilizadora permitirá incrementar a capacidade da planta, que agora trata 900 litros por segundo e que pasará, nunha primeira fase, a 1.500 e finalmente a 2.200 litros por segundo “dúas veces e media máis, o que é tan importante para a cidade para darlle maior calidade á auga, que xa é de altísima calidade”.

A ETAP do Casal trata cada ano 21 millóns de metros cúbicos de auga, da que case un 16% vai para os municipios de Cangas, Moaña, Redondela e Mos, por tanto, 90.000 habitantes de fóra de Vigo van recibir auga potabilizada nunha infraestrutura pagada por Vigo. O alcalde lamenta que a Xunta de Galicia non financie unha parte da potabilizadora que é unha dotación supramunicipal: “se algo corría présa é esta potabilizadora e a Xunta puxo tódolos paus posibles nas rodas para atrasala”. Censurou tamén que o goberno autonómico siga sen facer a condución de emerxencia dos ríos Verdugo e Oitavén e sen rebaixar o caudal ecolóxico para incrementar a auga na presa de Eiras, da que non soamente se abastece a cidade senón tamén outros municipios.

No tocante ao procedemento administrativo, Caballero detallou que o Concello de Vigo solicitou o 30 de marzo a autorización para a nova potabilizadora polo que “se actuara con dilixencia nestes momentos estaría acabada e en funcionamento”. «O 20 de marzo de 2020 o Concello enviou á Xunta o proxecto de construción da ETAP, que requiriu documentación municipal o 6 de xullo. O Concello tardou 11 días en enviar o documento construtivo completo. O 19 de novembro o goberno autonómico pediu documentación complementaria, que se remitiu o 10 de decembro. Tres meses despois fai outro requirimento de nova documentación, enviada 14 días despois. Dous meses e 6 días despois, os técnicos de Sanidade contactan por teléfono con técnicos municipais para falar da documentación enviada e non será ata o 1 de xullo de 2021 cando se pode iniciar a obra. É dicir, a autorización da Xunta tardou 16 meses. A Xunta esmerouse en poñer dificultades á nova potabilizadora da cidade de Vigo”, recalca o alcalde.