Abel Caballero participou esta mañá nun almorzo informativo organizado por Executive Forum no que puxo en valor Vigo como “a cidade da economía, das empresas e os emprendedores” referíndose á colaboración público-privada como un modelo que “funciona e funciona ben”
Na súa intervención, o rexedor explicou o proxecto de cidade que desenvolve desde que chegou á alcaldía no ano 2007 lembrando as circunstancias e os contextos que acompañaron á súa xestión. Destacou que, malia as contornas económicas “tremendamente desfavorables”, nestes 15 anos “Vigo tivo o mellor desenvolvemento económico, social e político da súa historia, sendo capaz de reverter as situacións desfavorables e lanzarse”. Así, pasou de ser “unha cidade con pouca presenza e case inexistente, a ser a cidade con máis calidade de vida de España, e a estar entre as cinco marcas de cidades máis importantes de España”.
No tocante ao modelo económico de Vigo, o alcalde sinalou que “nos últimos anos tivemos un renacemento económico excepcional” manifestando que “o hábitat e a forma económica do comportamento da cidade está a ser, no contexto no que nos movemos, extraordinariamente notable”. Neste sentido, dixo “ser o alcalde da economía, porque esta cidade é tanto como sexa a súa economía. Somos a cidade das empresas e os emprendedores” e, para acadar este éxito, Caballero, referiuse ao modelo económico de colaboración público-privada que “funciona e funciona ben” en Vigo. Trátase, sinalou, dun “dun modelo magnífico, porque é o que nos permite axuntar esforzos, facer un proceso económico dunha razoable cohesión e coherencia e lanzar todos os sectores da economía de Vigo”. Como claro exemplo diso, referiuse ao lanzamento dun sector “tan especial” que antes era inexistente na cidade: o turismo.
Abel Caballero explicou que outro dos éxitos da cidade de Vigo radica no “desenvolvemento cidadá, é dicir, na forma de entendela desde a cidadanía”, citando como exemplo, a resposta ante a pandemia de Covid-19: “cando nos arrasou, nós tiñamos as claves adiantadas desde facía 10 anos”. Por iso, sostén que “tirar da economía no ámbito público” é fundamental en momentos coma este, tal e como o demostraron os fondos Next Generation UE.
Con respecto á xestión dos fondos europeos, asegurou que “Vigo está a ser un actor importante”. O Concello conta con aproximadamente 50 millóns de euros provintes do Goberno de España e “estamos a ser capaces de mobilizar ámbitos económicos de tirón para facer transformacións cidadás e para converter a cidade nun modelo de cidade distinta”. Así, referiuse ao “modelo de entendemento e de diálogo permanente” que constitúe a forma de funcionar de Vigo. “Hoxe tódalas cidades de España queren ser Vigo” xa que “son os propios cidadáns os que deciden que estamos por diante das demais” e considera que a cidadanía viguesa avala este sistema de funcionamento que, amais, “atopa un eco no conxunto de España”, incidindo en que Vigo está a converterse en “cidade atracción de empresas que traballaban fóra da cidade. Este modelo necesita aliados e por iso fomos buscándoos. Somos un modelo de unidade política, que nos permite que non haxa sobresaltos e sexamos previsibles”.
Caballero comezou a súa intervención declarando que “a nosa paixón e a nosa forma de entender o mundo chámase Vigo». Nesta liña, engadiu que “é unha cultura o que estamos a desenvolver nesta cidade e que ofertamos como un modelo político no que, desde a cidade, vanse buscando aliados, formas e mecanismos que a engrandezan e amplíen”.
O alcalde estivo acompañado no almorzo de Santiago Lafuente, director de España de Aqualia, que celebrou a publicación nas últimas horas da primeira convocatoria do PERTE da dixitalización da auga en España que, ao seu entender, “vai ser un cambio radical para o sector, cun investimento de 2.800 millóns de euros nos concellos” e que tamén recoñeceu o impulso e o apoio da FEMP neste sentido.

